A Mariña, 30 de abril de 2024. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) unha denuncia por posibles danos nas Medorras do Piñeiral (O Padrón, A Fonsagrada, Lugo).
Os monumentos megalíticos do Piñeiral foron danados no transcurso de traballos forestais pola apertura de profundos sucos realizados con maquinaria pesada na parcela onde se ubican as citadas mámoas.
Estes dous túmulos megalíticos atópanse ao carón do Camiño Primitivo a Santiago e dentro da delimitación do Territorio Histórico deste camiño, Patrimonio da Humanidade.
As mámoas foron descubertas no ano 2021 por membros de Mariña Patrimonio, que solicitaron á DXPC a catalogación e protección das mesmas.
En documentación da DXPC de novembro de 2021 recoñécese a existencia destes dous xacementos inéditos aos que Patrimonio denominou como Medorra do Piñeiral 1 e Medorra do Piñeiral 2, asignándolles as claves de identificación GA27018321 e GA27018322.
ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan que se investigue se estes labores forestais contan coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, que se avalíe o grao de afectación así coma os danos que sufriron estes bens patrimoniais. Así mesmo, solicitan a reposición das Medorras do Piñeiral ao seu estado anterior.