A producción alimentaria sostible e saudable e a importancia das ganderías familiares son a referencia do programa elaborado polo BNG
Mondoñedo, 29 de abril 2024. O BNG presentou esta tarde a xornada que se desenvolverá o próximo sábado 4 de maio no Pazo de Santomé en Mondoñedo baixo o título “POR UN AGRO GALEGO E CON FUTURO. Política Agraria e U.E”. A xornada, na que participarán profesionais de distintos sectores do agro na comarca e que está aberta ao público en xeral contará coa presenza de Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento Europeo e candidata nas vindeiras eleccións.
Na primeira mesa que comenzará ás 10:30, “Producción alimentaria sostible e saudable” participarán José Cuadrado Oural, presidente da cooperativa Terras da Mariña, comercializadora da IXP Faba de Lourenzá; Eva López Quiroga, técnica superior de xestión en Eo Alimenta e Mari Fé Sixto Pernas, productora e envasadora de mel “O Trobo, mel do Valadouro”. Modera a mesa e presenta: Daniel García, deputado provincial do BNG.
A segunda mesa, ás 11:45 “A importancia da gandería familiar na xestión do territorio” que será moderada por Miguel Gómez Fraga, gandeiro e concelleiro do Bng no Vicedo, estará formada por Alba Recalde López, da gandería Xan das Bouzas, de Curros; Ana Barreira Botana, de Montes Veciñais en mán común de Estelo e Tronceda e Saúl Dorado Rodríguez, gandeiro productor de leite da gandería Mantoño Holstein de San Xusto (Barreiros).
Aposta por unha nova política agraria e pola soberanía alimentaria
A eurodeputada e candidata ás eleccións do 9 de xuño, Ana Miranda pechará a xornada coa súa intervención na mesa “Política agraria e U.E” na que a acompañarán Eloi Cabanas e a mariñá integrante da candidatura ao Parlamento Europeo, Pilar Vázquez Sánchez, portavoz municipal en Xove.
Desde o BNG consideran necesario retomar como principio básico da política agraria a soberanía alimentaria e afirman que Galiza debe poder protexer o seu mercado alimentario doméstico, evitando a importación de produtos que tén capacidade de producir e consolidando un modelo de produción agraria baseado na proximidade e na ruptura co modelo implantado na Organización Mundial de Comercio (OMC) fortemente influenciado polas grandes multinacionais da alimentación e os mercados financeiros.