Esta iniciativa terá lugar a partir das 10:00, con saída dende o Centro de Saúde, e repetirase ao longo dos meses de maio e xuño
Burela, 25 de abril de 2024. O Concello de Burela organizará, coa colaboración do Centro de Saúde do municipio, unha serie de paseos saudables abertos para a veciñanza. As monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia serán as acompañantes na actividade.
O primeiro dos paseos terá lugar o xoves 2 de maio, ás 10:00, con saída dende o propio Centro de Saúde. A iniciativa repetirase ao longo dos meses de maio e xuño.
Estes “Paseos Saudables con Gaia” encándranse no marco da Estratexia de Promoción da Saúde do Ministerio de Sanidade e do Plan Local do Centro de Saúde de Burela.
A concelleira responsable do Centro Gaia, Lina Gómez Pardo, convida “a todas as veciñas e veciños de Burela a participar nestas andainas, un xeito perfecto de manter un hábito saudable dunha maneira divertida e amena”.
Dende o Centro de Saúde sinalan que “a evidencia científica indica que os grupos de paseo ao aire libre teñen moitos beneficios para a saúde, incluíndo a redución da presión arterial, a grasa corporal, o colesterol total e tamén o risco de depresión”.
O persoal do centro engade que estes paseos son “unha actividade que é atractiva para os participantes, ten altos niveis de adhesión e está practicamente libre de efectos adversos”.