A Mariña, 24 de abril de 2024. Hoxe remata a formación en xeoturismo que estivo a impartir a Mancomunidade de Concellos da Mariña ao longo dos últimos meses en diferentes datas. Foi o abeiro do Plan de Sostibilidade Turística.
Na xornada de hoxe, 24 de abril, participaron 15 persoas de diferentes procedencias e perfís. Os participantes chegaron de diversos puntos da Mariña, do resto da provincia, de Galicia e de Asturias. Asistiron técnicos e informadores de Turismo dos concellos, guías e empresas de actividades turísticas.
Ata o salón de conferencias de Burela, que é o lugar no que se impartiron as formacións, achegáronse a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, e o concelleiro de Turismo de Burela, Ramiro Fernández, que lles deron a benvida aos asistentes e agradecéronlles o interese e a súa participación neste programa de formación en xeoturismo.
Xa o pasado mes de febreiro tiveron lugar as primeiras xornadas de formación nesta materia para guías e empresas de turismo activo. Foron 21 profesionais os que participaron tanto da comarca da Mariña como do resto de Galicia e de Asturias. As xornadas desenvolvéronse os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro no salón de conferencias de Burela.
Novas actividades
Os días 27 e 28 de abril e o 4 de maio seguirá o programa de Xeoturismo con visitas á Cova do Rei Cintolo, a Xove e á Frouxeira.
As prazas para a visita á Cova do Rei Cintolo, que terá lugar este sábado, 27 de abril, ás catro da tarde xa están cubertas. Aínda quedan ocos para as saídas do 28 de abril a Xove, onde os asistentes terán a oportunidade de observar o aspecto das rochas nas profundidades da codia terrestre e gozar de praias rochosas e campos de dunas de grande beleza. E tamén quedan prazas para a xeovisita á Frouxeira, en Foz. Os participantes terán a oportunidade de coñecer os minerais formadores do granito e das súas propiedades e aprenderán a interpretar as pedras, ademais de gozar desde o miradoiro dunha das vistas máis espectaculares da comarca da Mariña.
As persoas interesadas en obter máis información ou para inscribirse nestas actividades poden facelo a través de https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.