Lugo, 23 de abril de 2024. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García visitaron a antiga escola do Cadramón, no Valadouro, tras a mellora da instalación eléctrica e da iluminación do local financiada pola área de Cultura do Concello do Valadouro coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
As actuacións, cun investimento de 5.000 euros, supuxeron o aumento da potencia e a instalación de focos led en diferentes estancias do edificio, que a veciñanza da parroquia emprega habitualmente para xuntanzas e outras actividades lúdicas e culturais e que, ata esta intervención, carecía da subministración eléctrica suficiente para acender aparellos eléctricos básicos para a organización de actividades.
Na visita, na que tamén participaron o presidente da CMVMC do Cadramón , o tenente alcalde do Valadouro e responsable de Cultura e Medio Rural Eduardo Chao e o concelleiro de Deportes Eliseo Teijeiro, púxose de manifesto a importancia de contar con espazos de uso comunitario para a convivencia e a dinamización da vida nas aldeas e parroquias.
Ademais da súa funcionalidade, a antiga escola do Cadramón, no lugar da Fonte da Vila, é tamén testemuña da historia da parroquia e do concello. Foi construída nos anos vinte do século pasado grazas ao financiamento da emigración cubana, concretamente da sociedade El Valle de Oro de La Habana. Foi empregada como refuxio pola resistencia antifranquista, liderada na zona por Luis Trigo Chao, O Gardarríos.