Santiago de Compostela, 21 de abril do 2024. A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá a Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, un evento que promociona este traballo centenario artesanal de gran arraigo no interior de Galiza. Nel estivo acompañada polo deputado Daniel Castro e unha delegación do BNG na comarca da Mariña.
A líder do Bloque amosou a súa ledicia por “poder apoiar a feira que pon en valor unha das grandes tradicións da comarca: a produción de ferro, unha tradición que é un símbolo de orgullo pero que tamén debera de ter máis apoio”. Tamén aproveitou a ocasión para destacar a importancia de que “estes oficios tradicionais conten con políticas de impulso e apoio para ser un motor de desenvolvemento económico das zonas nas que se desenvolven”.
Con respecto disto, Pontón reclamou “que haxa axudas para que todas as persoas que queiran seguir con esta tradición poidan facelo, cursos para que esta sabedoría non se perda ou mesmo unha marca galega de produtos feitos en ferro”.
Para finalizar, a portavoz nacional quixo agradecer o traballo que fan os ferreiros porque “son os que lle dan sentido a esta feira, un lugar que amosa todo o potencial que temos neste País”.