María José Gómez e Alfonso Villares participaron na reunión das xuntas directivas local e provincial onde a presidenta do PP lucense fixo balance do traballo realizado nos últimos meses e avanzou a actividade para os próximos
Lugo, 19 de abril de 2024. A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, presidiu unha reunión na que participaron os membros das xuntas directivas local e provincial ante os que rendeu contas do traballo realizado nos últimos meses e planificar a actividade das próximas semanas.
Candia estivo acompañada por María José Gómez e Alfonso Villares que veñen de ser nomeados conselleiros de Medio Rural e do Mar, respectivamente, no Goberno de Alfonso Rueda.
“O PP de Lugo nunca fixo unha loita personalista, senón que traballou na defensa dun proxecto que logrou a confianza da maioría dos lucenses” e “grazas ao apoio de todos -de todo o electorado e, por suposto, de todo o PP lucense nas pasadas eleccións do 18 de febreiro-, acadáronse estas responsabilidades”. Así, “os sectores estratéxicos para a nosa provincia -o agrogandeiro, o forestal e o pesqueiro-, estean en mans de dous lucenses”, subliñou a mandataria.
Candia tamén destacou que “os resultados lexitimaron ao presidente Rueda para formar o seu Goberno” e agradeceulle que “tivera a xenerosidade de recoller as aportacións que fixemos dende Lugo”.
A presidenta provincial tamén avanzou que se organizarán tres actos sectoriais durante o próximo trimestre. Un na zona sur para analizar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade; outro en Lugo para afondar en propostas sobre os piares fundamentais dos sectores primarios – coma o agrogandeiro e o forestal- e, un terceiro, na Mariña para analizar os desafíos e coñecer as propostas do sector do mar.
Co obxectivo de marcar estratexias e reforzar a coordinación cos compañeiros do Partido Popular nos 67 concellos da provincia, Elena Candia proxecta un calendario de reunións cos alcaldes e visitas a todos os grupos municipais que están na oposición.
TRABALLO DO GRUPO MUNICIPAL
A nivel local, a voceira do Grupo Municipal Popular explicou que “seguimos co traballo de escoita activa completando a rolda de reunións con todos os colexios profesionais; ademais das visitas a parroquias e barrios, tal e como nos comprometemos en campaña electoral. Achegarémonos como mínimo unha vez ao ano para escoitar aos veciños e render contas do traballo feito”, apuntou.
Dende o Grupo Municipal do PP promoverán accións para visualizar o cansazo dos lucenses ante “a improvisación e a mala xestión do goberno local” con accións para para reclamar o incumprimento da promesa de abrir o auditorio de Magoi ou os atrasos das obras de peonalización no centro.
Candia puxo en valor que “dende que se celebraron as eleccións autonómicas -é dicir, no prazo de dous meses afiliáronse ao noso proxecto político no municipio de Lugo preto de 100 persoas”.