Vilalba, 19 Abril, 2024. Os feitos ocorreron no lugar A Fontevella, situado na parroquia de Rioaveso, en Vilalba.
A información chegou ao 112 Galicia ás 21 horas da pasada noite cando os Bombeiros de Vilalba anunciaban a súa saída por mor dun incendio. Segundo comentaban, un particular indicáralles que lle estaba ardendo a cheminea ou o tellado da casa e destacaba que non había ningunha persoa ferida.
Axiña os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local así como tamén foi informado do suceso o concello de Vilalba.
Unha vez levadas a cabo as tarefas de extinción, os Bombeiros comunican que a cheminea da vivenda non estaba ben illada do tellado, polo que unhas vigas que había nel colleron moita temperatura e tiveron que ir rompendo partes do faiado para reducila.
Con todo, o tellado, o chan e unha habitación da vivenda quedaron afectadas polo incendio, aínda que afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais malia que no interior da casa había unha persoa con mobilidade reducida