Alfonso Villares achegouse á dársena cuxa dragaxe vén de saír a licitación por 677.000 euros e permitirá a extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area na contorna da rampla de varada e na dos peiraos comerciais interiores
Cariño (A Coruña), 8 de abril de 2024. O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións portuarias do concello coruñés de Cariño onde a Xunta, a través de Portos de Galicia, investirá preto de 800.000 euros en distintas obras de mellora ao longo deste ano. Así o anunciou o titular do departamento autonómico acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.
O conselleiro explicou que o ente público vén de sacar a licitación as obras de dragaxe do porto de Cariño con un orzamento base de 677.000 euros. Segundo indicou, os traballos consisten na extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area de dúas zonas do porto: a rampla de varada e a zona dos peiraos de atraque comercial interiores. En concreto dragarase a zona sur do peirao comercial á cota -8, a zona ao longo do peirao pesqueiro, fronte a lonxa, á cota -5 e a zona da rampla de varada á cota -1.
Alfonso Villares subliñou que “as obras permitirán mellorar a operatividade do porto devolvendo o calado necesario para a actividade diaria do sector pesqueiro e o tráfico comercial”. Así mesmo indicou que esta actuación supón a fase 1 dun proxecto plurianual para a realización de dragaxes de mantemento en anos posteriores que se fan necesarias debido á dinámica de sedimentación natural que se produce nas zonas abrigadas do porto de Cariño.
Plans globais
Durante a súa visita ao porto, Alfonso Villares anunciou tamén dúas actuacións previstas para este ano en Cariño incluídas dentro de plans de mellora globais de Portos de Galicia. Así, por un lado, investiranse case 20.000 euros na renovación do firme na glorieta de acceso ao porto e zonas puntuais do interior.
Por outra banda, dentro do proxecto para a renovación das luminarias en preto dunha trintena de portos autonómicos, orzamentado en 3,8 millóns de euros, investiranse 90.000 euros no peirao de Cariño. A actuación consistirá na renovación de 49 luminarias substituíndoas por tecnoloxía LED con sistema de xestión telemática.