Santiago de Compostela, 4 abril 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, manifestouse en Lugo sobre o futuro de Alcoa na Mariña e recalcou a necesidade dunha intervención pública para asegurar o mantemento da actividade e o emprego da factoría.
“Levamos demasiado tempo vendo como se retrasa unha medida que é unha medida legal e a única garantía que temos de que esa fábrica de aluminio primario siga funcionando”, advertiu para reclamar unha intervención pública que “non só depende da SEPI, senón na que “tamén a Xunta ten que dar un paso adiante e participar”.
Pontón mostrou a preocupación do BNG ante a actitude das distintas administracións, tanto estatal como galega, “tanto o PP como o Partido Socialista”, que “bailaron máis ao son que marcou Alcoa e menos ao son que demandaban os seus traballadores e traballadoras e de toda unha comarca que está reclamando que eses postos de traballo non se perdan porque son clave non só para o futuro da Mariña, senón tamén do conxunto da provincia de Lugo e de Galiza”.
Logo de lembrar que o Bloque xa advertira dende o principio que a multinacional tiña a decisión tomada para o futuro da empresa “que non pasa por seguir producindo” na factoría mariñá, a líder nacionalista rematou cuestonando por que son posibles intervencións públicas para outras compañías como que a do Estado en Telefónica “e ese mesmo criterio non se aplique no caso dunha empresa estratéxica para Galiza como é Alcoa”.
De igual xeito, Pontón reafirmou a posición “moi clara” do BNG respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei, do que dixo é “unha bomba ambiental” que “non podemos permitir baixo ningunha circunstancia” que se instale “no corazón do rural galego”.
A portavoz nacional advertiu que, vista a documentación presentada pola propia empresa, o proxecto “non deixa de ser unha macrocelulosa” que vai ter un “impacto contaminante moi importante” e que “vai afectar dunha maneira clara e directa a miles de postos de traballo que xa existen na comarca”, vinculados fundamentalmente ao desenvolvemento agrario do País.
“Cremos que as empresas que non queren en Portugal porque son contaminantes e supoñen graves problemas para esas zonas non deben instalarse en Galiza”, explicou para recalcar a continuación que “non queremos unha nova macrocelulosa que vai destruír non só un modo de vida” en toda a comarca da Ulloa e que vai afectar a miles de empregos no interior do País, senón que “tamén afectaría a miles de postos de traballo” na desembocadura do río Ulla, a unha ría de Arousa da que viven máis de 4.000 familias.
Neste sentido, quixo reafirmar de igual xeito o apoio e acompañamento do Bloque “a toda a mobilización e oposición que hai neste momento en contra dunha macrocelulosa que supón unha bomba ambiental no corazón de Galiza”.
Pontón realizou estas declaracións en Lugo, onde anunciou unha ofensiva institucional do BNG, tanto no Parlamento galego como no Congreso e o Senado, así como nas institucións europeas, para mellorar e modernizar as infraestruturas ferroviarias de Lugo e o conxunto da provincia, logo dunha reunión con distintos colectivos económicos, sociais e sindicais lucenses na que tamén participaron o tenente alcalde da cidade, Rubén Arroxo, e as deputadas Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel.