Gaza non fala. O acoso ó que o goberno israelí ten sometido á cidade franxa non deixa saír máis ca un murmurio. Mais un murmurio que se dirixe ó mundo enteiro e que é abondo para coñecer a existencia de destrución, fame, morte. Ás veces, indiscriminadas, outras, selectivas. Ou son eu o único que relacionou os débiles apuntamentos de Pedro Sánchez cara xa non á paz, senón só a un alto o fogo, por unha beira, con que pola outra, unha ONG de base en España que tentaba mitigar a fame dos palestinos sufrira nun mesmo día tres ataques diferentes co resultado de sete mortos entre os seus traballadores a máis do peche do necesario servizo que estaban a facer? De Gaza ó mundo, un murmurio que é abondo para que saibamos dalgunha cousa das que alí pasa. Mais, que reacción temos?
O mundo non fala. Ben, si, fala, e moito, mais con voces que parecen contraditorias, que parecen anularse entre si. Parecen. Con excepcións, claro, pero poderían resumirse como un clamor de xente pedindo que pare o horror e unha serie de mandatarios a pedir ó goberno israelí que non sexa moi duro mentres axudan a vender armas a ese goberno e merca as armas ‘probadas en combate real’ made in Israel. Sudáfrica toma a dianteira pedindo enxuizamentos: ten unha idea de que vai a cousa despois de ter experimentado hai non tanto tempo medio século de apartheid. En sentido contrario, non sabería dicir quen toma a dianteira, incluíndo un goberno dos EEUU que por fin chegou ata a abstención nunha resolución do Concello de Seguridade das NNUU que é moi probalbe que Israel atenda como as que lle precederon.
Ou sexa que si, hai un diálogo entre Gaza e o resto do mundo. Un diálogo que pode parecer de xordos máis que de mudos, pero máis ben é de tolos, de alienados. Un ‘diálogo’ que fai falta recoñecer para logo reconducir. Sen intérpretes, ó directo, pois sabemos quen é quen se está a autoproclamar intérprete, intermediario, inter-todo e parte tamén: o goberno israelí, ó que lle medran as manifestacións na casa por corrupción, por tentar o control da xudiciatura nunha deriva ditatorial, e dende hai cinco meses, pola xestión da ‘crise’, comezando pola súa actuación no tempo previo ó ataque palestino. O mesmo goberno que envía o exército a bombardear hospitais ou ONG, a matar xente que ía por comida ou ‘autoriza’ a que pase menos dunha décima parte da axuda humanitaria que necesita Gaza, ou ‘permite’ a montaxe dun porto provisional para desembarcar esa axuda ‘de xeito controlado’. Si, faino despois de pasar os seus antecesores por certo lugar as resolucións das NNUU dende hai moitos anos. Si, ese goberno que ten anulado calquera tipo de organización palestina e que decide castigar a dous millóns de persoas polos ataques dunha organización que os seus antecesores financiaron. Si, un goberno que esgrime o holocausto mentres executa un xenocidio.
En silencio. A paz necesita tamén do silencio para reflexionar, á par da comunicación para coñecer, recoñecer e acordar. E do traballo de construción desa comunicación, dos útiles para cubrir as necesidades, das relacións, das ideas. Hai que telo claro: Gaza necesita do mundo, de nós, mais o mundo tamén necesita para o noso propio equilibrio, paz.