Ribadeo, 3 de abril de 2024. O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fai un balance moi positivo da mobilidade realizada por primeira vez a Chile, que tivo lugar do 25 ao 30 de marzo dentro do programa Erasmus+ Internacionalización para a Mobilidade e o Coñecemento.
O obxectivo da viaxe foi promover o diálogo e o entendemento con terceiros países non europeos para a formación de alianzas de calidade. Doural dixo que “queremos crear redes de contactos no ámbito da formación profesional para futuras mobilidades do alumnado, permitindo así expandir as súas oportunidades; e establecer unha relación de colaboración na formación continua en temas como o hidróxeno verde, o vehículo eléctrico ou o libro electrónico, proxectos nos que estamos a traballar nun dos casos e que xa temos en marcha noutros. Amosáronse moi interesados en todo isto”.
O presidente de Apaga comentou que “tamén queremos compartir procesos educativos entre institucións e facer contactos con outras institucións educativas en Hispanoamérica en países como Arxentina ou Colombia, que son algúns cos que desde Chile están a traballar. Foron encontros moi interesantes os que mantivemos ao longo da pasada semana”.
Apaga mantivo contactos coa Universidade Técnica Federico Santa María e tamén con centros de ensino concertados como Inacap-Renca e DuocUC, que forman a milleiros de alumnos e alumnas nese país.
Doural sinalou que “foi unha semana intensa e moi boa de traballo e de contactos. Ábresenos un novo campo de traballo importante creo que para Apaga e para toda a comunidade educativa local, rexional e do Estado español. Este tipo de relacións son moi importantes para dar a coñecer todo o que se está a facer aquí”. E anunciou que “imos empezar a traballar, a facer cousas que poden ser interesantes e imos ver como podemos canalizar todas estas cuestións, que son novas para nós, á hora de afrontar algún proxecto internacional con estas escolas. A idea é ter montada unha estrutura en Hispanoamérica, pero dependerá das liñas de axudas ás que poidamos acceder. Agardamos contar con algún representante destes centros estean presentes no Fórum, que faremos a finais de agosto”.