Os populares lamentan que “os camiños se desfagan en época de chuvias polos arrastres debido á falta de mantemento”
Xermade, 1 de abril de 2024. O PP de Xermade esixe ao goberno local “a correcta limpeza dos camiños e cunetas antes das épocas de choivas para evitar a súa desfeita”. O portavoz, Antonio Riveira, explica que “se se realizan os labores de conservación previos á época de grandes chuvias, a auga podería evacuar e os camiños non sufrirían arrastres que rematan por desfacelos e convertelos en inservibles para os veciños”.
Son moitos os casos de camiños practicamente intransitables nesta época que dificultan o día a día dos gandeiros e gandeiras. “Algúns exemplos das consecuencias da deixadez pódense apreciar na Panda en Piñeiro ou na Pinguela en Roupar”, engade o popular. Pero tamén hai casos nos que os arrastres afectan a outras vías, o que pode resultar perigoso para o tráfico como en Miraz, Casa Grande.
É por iso polo que os populares inciden en “levar a cabo un plan serio de limpeza de camiños para garantir a súa conservación e que estean nas mellores condicións posibles para ser útiles aos veciños e veciñas”.
PONTE AMIL
As obras de instalación de fibra óptica e despois as choivas, danaron a marxe da estrada da Pigaroa a Pastora e Seo, preto da Ponte do Amil, na parroquia de Cazás. Os populares cren que “pode resultar perigosa” e, polo tanto, piden “sinalizar o perigo” e proceder á súa reparación “ou esixirllo á empresa responsable das obras de soterramento da liña, se procede”.
Os concelleiros do PP sinalan tamén que “se debe recuperar o muro que facía de peitoril na beira da Ponte do Amil, xa que unha parte caeu fai tempo”.