O bipartidismo dinástico PP-PSOE decidiu, dende as primeiras eleccións ao Parlamento Europeo no 1987, un sistema en colexio electoral único no que gañan representantes os mellores cocientes electorais. Este 2024 son 61, mais dende 2004 até 2019 foron sempre 54. Choca este sistema co doutros Estados compostos, como Bélxica e Italia, onde a circunscrición é territorial ou o sistema británico mentres pertenceu á EU, que escollía os seus deputados por circunscricións nacionais (Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte). A aposta do unionismo estaba moi clariña: que os partidos soberanistas e autonomistas non quitaran representación. A redución a 54 do número de deputados elixidos polo Estado dende 2004 fixo máis precisa a necesidade de artellar coalicións técnicas, coalicións instrumentais, para acadar o obxectivo de ter representación na Cámara que adopta, normalmente en réxime de codecisión co Consello Europeo que integra aos Xefes de Estado e de Goberno dos Estados todos da EU, lexislación que é absolutamente fulcral na regulación da nosa vida social, económica e política.
Velaí que dende as eleccións de 2004 o BNG concorrese sempre en coalición técnica com partidos cataláns, vascos e doutros territorios do Estado. E dende entón, nestes 20 anos, este sistema permitiu que o soberanismo galego contase sempre con representación. Dende 2009 foi s candidata Ana Miranda, desenvolvendo ininterrompidamente, quer a función de eurodeputada, quer a dirección dunha oficina parlamentaria en Bruxelas que desenvolveria a axenda galega dos eurodeputados de quenda da coalición instrumental.
Das resultas desta acaída estratexia o soberanismo galego puído desenvolver unha estratexia de representación de país a prol dos nosos sectores produtivos agro-gandeiros, do noso complexo mar-industria ou dunha investigación neutral da Axencia Ferroviaria Europea a respecto do gravísimo accidente do Alvia en Compostela (24.07.2013) que permitiu a reapertura da causa xudicial. Tamén, entre outras moitas iniciativas, a defensa das persoas consumidoras afectadas polas preferentes, cláusulas abusivas das hipotecas ou residentes en vivendas do banco malo (SAREB). Un labor moi considerábel e máis se atendemos a que foi desenvolvida por unha única representante.
Esta caste de coalicións non comprometeu nunca a independencia da representación galega. Velaí que o eurodeputado de EH Bildu pertenza ao grupo das esquerdas europeas e a do BNG, en troques,. ao grupo que xunta aos verdes coa Alianza Libre Europea, canda partidos soberanistas de Flandres, Sardeña, Corsica, Catalunya, Euskadi e outros moitos territorios, así como co Scottish National Party que goberna Escocia e cos galeses do Plaid Cymru cando o Reino Unido facía parte da EU. O programa electoral é absolutamente independente, canda a candidatura que chega aos colexios electorais, que só amosa as persoas candidatas galegas. A xestión como eurodeputada da candidata só depende dos órganos do BNG, sen que os socios instrumentais interveñan na mesma. E este esquema repítese con cada representante nacional porque a coalición é únicamente técnico-instrumental.
Velaí que manifestacións como as do presidente en funcións Rueda e doutros voceiros do PPde G acusando ao soberanismo galego de estar máis preto do terrorismo ca da cidadania galega constitúen desaqueladas “boutades” que só tentan agachar a falla de interese e aptitude do PP e da Xunta para defender na UE os intereses galegos en comparanza co potente labor de representación e defensa dos intereses deste País que desenvolveron aló, primeiro Camilo Nogueira e, dende hai case vinte anos, Ana Miranda. Porque a representación do BNG na UE funcionou moito máis en clave de país que partidaria.