O novo miradoiro construíuse sobre a ría de Ribadeo, nunha das saíntes xunto ao Forte de San Damián
Lugo, 26 de marzo de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor a construción do novo miradoiro de Ribadeo tras o remate das obras, unha actuación financiada cun custo de 30.000 euros pola Dirección Xeral de Costas mediante o contrato anual de conservación e mantemento da provincia. Este novo espazo acondicionouse na embocadura da ría de Ribadeo, nunha das saíntes do Forte de San Damián.
A subdelegada celebrou “a colaboración permanente do Goberno de Pedro Sánchez con todos e cada un dos concellos da provincia de Lugo”, facendo fincapé nesta ocasión “na aposta decidida pola mellora da comarca da Mariña, que agora xa conta cun novo atractivo turístico que contribuirá a seguir fortalecendo o seu potencial”.
Isabel Rodríguez explicou “a importancia da conservación e o mantemento en todo o noso litoral”, pero tamén quixo poñer en valor “a posta a disposición tanto da veciñanza como dos turistas de zonas de lecer, dando a posibilidade de contemplar cunha visión case panorámica toda a ría, unha paisaxe espectacular e do máis recomendable”.