Daniel García visitou unha das ganderías que instalaron peches perimetrais coas achegas da área de Rural, en San Salvador de Outeiro, en Lugo
Lugo, 15 de marzo de 2024. O deputado Daniel García e o concelleiro de Infraestruturas de Lugo Álex Penas visitaron esta mañá a gandería San Salvador SC, na parroquia de Outeiro, en Lugo, unhas das beneficiarias das axudas para peches de fincas do programa O que non arde, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A instalación e o mantemento de peches perimetrais son as actuacións máis requeridas do programa, que financia tamén a compra de pastores eléctricos e outros sistemas para a protección, o manexo e a rotación do gando en extensivo, con axudas que chgan ata os 2.500 euros.
Nas últimas tres edicións do programa, máis de medio cento de gandeirías de cabrún, ovino e porcino, e unha vintena de comuneiros, así como asociacións agrogandeiras beneficiáronse das distintas liñas de axudas do programa, no que se investiron 240.000 euros desde 2020.
O deputado de Rural avanzou que “seguiremos apostando por este programa que apoia a gandeiría extensiva como fórmula para previr incendios e avanzar no aproveitamento e a xestión integral do territorio” e explicou que “o servizo de Rural está traballando na vindeira convocatoria, a partir das demandas e da experiencia que nos traslada o sector”
“O que non arde” foi o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Conta co recoñecemento de mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal, pola oenegué internacional WWF Adena.