Ribadeo, 9 de marzo. Este sábado, 9 de marzo, presentouse no Teatro a iniciativa Move ficha pola igualdade, posta en marcha polo Concello de Ribadeo para loitar contra a fenda de xénero e seguir dando pasos adiante no camiño cara a igualdade. Un lema co que o goberno local quere convidar a toda a sociedade ribadense a formar parte do cambio e construír un vila máis equitativa e equilibrada. A Concellería de Facenda, Cultura, Educación e Igualdade desenvolverá baixo este proxecto accións de sensibilización como campañas a pé de rúa, en redes sociais ou centros educativos, un xogo pedagóxico inspirado na Oca, urnas para a participación cidadá ou obradoiros.
Begoña Sanjurjo, concelleira de Igualdade, explicou que “Move ficha pola igualdade nace co firme propósito de derrubar as barreiras que nos separan da igualdade e de impulsar os comportamentos e feitos que nos achegan a ela. Combater, por unha parte, as discriminacións, a fenda salarial, a violencia de xénero ou reparto desigual das tarefas do fogar, entre outras causas. E fomentar, pola outra, aspectos como a igualdade laboral, o apoderamento feminino ou a corresponsabilidade. Para este propósito, o Concello contará cunha folla ruta e un plan de accións que abordarán por fases os principais retos da igualdade xénero. Un dos eixos deste proxecto é a perseveranza, non se trata dunha campaña puntual, senón dun traballo constante e global de sensibilización, no que sempre se estará concienciando ás persoas ribadenses sobre aspectos fundamentais para a igualdade”.
Este plan de accións de concienciación susténtase na formación, na información e na participación cidadá. Campañas a pé de rúa, en centros educativos e en espazos públicos, obradoiros e dinámicas para diferentes sectores da poboación, especialmente para a mocidade, a colaboración con comercios para dar visibilidade a este proxecto e chegar á cidadanía serán algunhas das accións postas en marcha. O Concello instalará tamén urnas en lugares coma centros educativos e a biblioteca, para que todas as persoas ribadenses poidan deixar as súas propostas, preocupacións ou dúbidas. “A igualdade temos que construíla entre todas e todos: nenas e nenos, mocidade, maiores… Por iso convidamos a toda á xente a que participe nesta iniciativa, queremos escoitarvos”, explicou Sanjurjo.
Un xogo pedagóxico, para aprender e entreterse en grupo ou en familia
A edil ribadense contou que “presentamos tamén un xogo pedagóxico inspirado na Oca que repartiremos entre a veciñanza. Conta con diferentes tipos de celas: unhas visibilizan o labor de mulleres referentes, tanto de Ribadeo como de Galicia, outras destacan datas importantes ou avances históricos para a igualdade, tamén nas hai que dan a coñecer termos fundamentais para a equidade entre homes e mulleres, ou as que mostran accións positivas e negativas nesta materia”.
Na presentación que tivo lugar esta mañá no Teatro ademais de representantes da Corporación Municipal, participaron tamén mulleres de diferentes ámbitos, como o deporte, a cultura, o traballo doméstico, o comercio e a empresa, a educación, a gandeiría ou as forzas de seguridade: Irene (fútbol sala), Elena (paracanoe), Mada (gandeira), Eva (coordinadora de igualdade no CIFP Porta da Auga) Carmen (amas de casa), Manoli (Acisa), Olalla (asociación Catro Canos), Raquel (albanel) e Montse (avogada do CIM).
Unha data simbólica
A concelleira de Igualdade subliñou que “non é casualidade que Move ficha pola Igualdade se presente un 9 de marzo, un día despois do Día da Muller, un día despois de que en vilas e cidades se alzara a voz para reclamar un mundo máis xusto, un día despois de que as redes sociais e periódicos se encheran de mensaxes en favor da equidade entre homes e mulleres. Hoxe, un día despois de que todos os focos estiveran centrados na figura da muller, damos a coñecer esta iniciativa que xorde, precisamente para que ese espírito non se apague nunca, para manter viva esa chama da igualdade, que onte prendiamos, os 365 días do ano”.