Lugo, 5 de marzo. Este ano cumprense 150 do nacemento de Andrea López Chao, mestra mindoniense emigrada a Cuba onde desenvolveu unha loita pioneira polo dereito das mulleres á educación e a saúde das mulleres.
Ese legado a favor da igualdade remarcouse na homenaxe que acolleu esta tarde o Pazo de San Marcos, nun coloquio titulado “Muller e familia: 100 anos entre a miña bisavoa e eu” no que Patricia Ares Muzio, bisneta da mestra mindoniense e doutora en psicoloxía na Universidad de La Habana, Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, e Daniel Vázquez, doutor en Estudos Culturais e coordinador das Xornadas Homenaxe a Andrea López Chao, expuxeron a actividade de Andrea López Chao no ámbito social e o seu pensamento, aliñado cos movementos feministas emerxentes.
Na súa intervención, a deputada de Cultura Iria Castro remarcou que “é de xustiza asegurarnos de que a memoria de Andrea López Chao e da emigración galega a Cuba se manteña” e animou a continuar a investigación sobre a súa figura como pioneira na defensa do dereito das mulleres á sanidade e á educación a comezos do século pasado, abrindo camiños para todas as que chegamos despois”.
O acto, que contou coa actuación de Troupelear, serviu tamén de presentación en Lugo das actas das Xornadas Homenaxe a Andrea López Chao, que tiveron lugar o pasado verán en Mondoñedo e Vilalba, editadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Tamén se presentou a web https://opoderdeeducar.es, na que se recompila o traballo realizado sobre a figura de Andrea López Chao, e o teaser do documental homónimo, de Violeta Ramos.
Andrea López Chao
Nada en Mondoñedo en 1874, Andrea López Chao emigrou a Cuba en 1904 despois de gañar por oposición a praza de directora do Plantel Educativo do Centro Galego da Habana. Foi a primeira muller Vicepresidenta da Sociedade “Hijas de Galicia” e como representante deste colectivo, que chegou a perto de sesenta mil asociadas, participou no “I Congreso de Mulleres de Cuba” celebrado en 1923.
Participou na creación en 1917 da Sociedade “Hijas de Galicia” para axudar, acoller e asistir sanitariamente as mulleres galegas emigradas en risco de exclusión social e para elo impulsa en 1924 a creación do Hospital e posteriormente do Balneario de “Hijas de Galicia- Concepción Arenal”.