Vilalba, 5 de marzo de 2024. O Concello de Vilalba e a Policía Local activaron as cámaras de control de tráfico ubicadas na rúa da Pravia, captando tamén imaxes da avenida de Galicia, rúa Placido Peña, Campo de Puente e Conde Pallares.
“A rúa da Pravia e a súa contorna son a arteria principal do casco urbano de Vilalba, unha zona que temos que coidar evitando as infraccións de tráfico que poñen en risco a seguridade e garantizando o uso correcto dos espazos públicos e comúns”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.
As cámaras están situadas en zonas consideradas conflictivas polos estacionamentos indebidos, o exceso de velocidade ou os vehículos que non respectan os espazos verdes.
As imaxes poden ser utilizadas como proba para sancionar os vehículos infractores sen a presenza policial e teñen un sistema de funcionamento que almacena as imaxes nunha base de datos, co obxectivo de poder recuperalas no caso de ser necesario.
As cámaras servirán tamén para garantizar a seguridade nos pasos de peóns e nas rotondas e a Policía local as utilizará de axuda no caso de necesitar probas nun atropelo ou accidente. Estarán operativas as 24 horas.
O concello lembra ademais a importancia de respectar os horarios e o tempo máximo de estacionamento da Zona Azul, unha medida que dinamiza a actividade comercial de Vilalba. Funciona de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento gratuíto durante 90 minutos.
Nas zonas de carga e descarga está prohibido estacionar os días laborables de 09:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas, e os sábados laborables de 09:00 a 13:30 horas.