Ribadeo, 5 de marzo de 2024. AciaFozCCA sorteará 1.000 euros en vales de compra na súa campaña do día do pai, que terá lugar do 8 ao 19 de marzo.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, contou que “todas as persoas que fagan as súas compras no comercio asociado entre os días 8 e 19 de marzo entrarán no sorteo de 5 premios de 200 euros en vales de compra cada un. O sorteo farémolo en Radio Foz o 21 de marzo e do resultado informaremos, coma sempre, a través das nosas redes sociais e dos medios de comunicación”.
Paleo anima “a seguir apostando polos negocios locais, por ese comercio co que todos facemos pobo. Aquí podemos atopar todo o que precisamos para conmemorar esta data”. E engadiu que “os Pepes, as Pepitas, os Josés, as Josefas e os papás contan en Foz cunha hostalería excelente para as súas celebracións familiares e con amigos”.
AciaFozCCA conta para esta campaña coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.
Na presentación participaron o alcalde, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Katherina Navarro, e o presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo.