FERNANDO SUÁREZ PIDE COLABORACIÓN VECIÑAL PARA LOCALIZAR AO AUTOR OU AUTORES DO INCENDIO QUE SE PRODUCÍA O PASADO SÁBADO NA ZONA DA VILAVELLA. O REXEDOR ASEGURA QUE O LUME FOI INTENCIONADO E EXPLICA QUE NON FOI A MÁIS GRAZAS Á RÁPIDA ACTUACIÓN DE PROTECCIÓN CIVIL.
Ribadeo, 4 de outubro de 2010. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pide colaboración veciñal para localizar ao autor ou autores do incendio que se producía o pasado sábado na Vilavella. O rexedor asegura que foi intencionado e explica que non foi a máis grazas á rápida actuación de Protección Civil.
Suárez Barcia referíase hoxe “ao que debería ser unha anécdota, pero lamentablemente non o é. Refírome a este pequeno incendio que padecemos aquí na Vilavella o sábado pasado, que queimou unha superficie de aproximadamente 2.500 metros cadrados desde a N-642 hacia o mar xustamente na zona onde o Concello hai uns anos expropiou os terreos para poñelos a disposición de Costas e facer esa magnífica obra de recuperación da Vilavella, de creación dun sendeiro peatonal, de recuperación dun muiño de mareas…”.
O alcalde subliña que “isto debera ser unha anécdota, pero o que me preocupa é que xa é a terceira ou cuarta vez que nos últimos tempos hai algún conato de incendio sempre pola mesma zona, ou ben do lado de enriba da estrada ou do lado de abaixo e sempre na beira da estrada. Eu non debo acusar a ninguén, non o podo facer porque non o sei, se o subera debería poñelo en coñecemento da Garda Civil ou da Policía, pero o que sí digo é que é manifestamente intencionado ese conato de incendio. Parece que alguén desde algún vehículo tira algún obxecto incendiario e ata o de agora non houbo problemas, sempre as respostas dos medios do extinción foron moi boas, de feito este mesmo sábado cando chegaron os da Xunta, que o fixeron moi ben, xa estaba todo controlado polo persoal municipal de Protección Civil e polas dúas motobombas. Ribadeo débese sentir orgulloso de ter dúas motobombas, sobre todo esta nova porque non hai outra en toda A Mariña, con todos os respectos para os demáis Concellos”.
Fernando Suárez considera que “debe haber algunha mente perigosa, algún insensato ou algunha persoa que non está nos seus cabales que ten intención de que esa zona arda, non sabemos por qué xa que a parte de abaixo é do Concello e a parte de arriba é privada, os conatos prodúcense a un lado e a outro da estrada N-642. O que quero é pedirlle á poboación é que si ten algunha sospeita que o fagan saber ou ben á Polícia Local ou á Garda Civil porque con esta xente non hai que baixar a guardia, o sábado non pasou nada, pero tal e como sopraba o vento coas rachas do sur tivemos a sorte de que fora cara o mar, pero si fose na parte de arriba podería arder moita máis zona. Quérolle pedir colaboración á poboación para que no momento no que vexan algo raro o comuniquen ás autoridades competentes”.