Ribadeo, 27 de febreiro de 2024. A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo organiza diversas actividades arredor da conmemoración do día internacional da muller.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, indicou que “comezamos o 1 de marzo coa visita de Nary Ly, unha inspiradora sobrevivente dos campos da morte de Camboya. Nary, que é escritora, científica e olímpica compartirá, dentro do Programa O Concello cos coles, cos estudantes de 3º e 4º de Primaria a súa experiencia persoal e o seu novo libro infantil. O 7 de marzo poderemos asistir a unha charla sobre a menopausia, guiada polo xinecólogo Ezequiel Cardoso González, quen nos axudará a comprender mellor este proceso natural e as súas implicacións para a saúde e o benestar das mulleres. Será ás 20:00 horas no Centro Social Comunitario”.
A edil ribadense seguiu a relatar que “o 8 de marzo poderemos ir de excursión ao Balneario de Cuntis, un momento para o autocoidado, o descanso e a conexión entre mulleres. De todos os xeitos vaise realizar outra saída na primavera seguramente ao Balneario de Guitiriz. Ese día o Concello adhírese e chama á participación, como todos os anos, na manifestación feminista do 8M organizada por varios colectivos, con saída do aparcadoiro xunto á rotonda do IES de Ribadeo ás oito da tarde. Pola noite, ao remate da manifestación, deleitarémonos co Concerto das Fillas de Cassandra, ás 21:30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval. Trátase dun grupo musical que combina tradición, feminismo e mitoloxía grega nunha experiencia auditiva única. A entrada custará 5 euros e venderase de forma anticipada ese mesmo venres pola mañá de 10 a 15 horas na Casa de El Viejo Pancho e pola tarde no Auditorio desde as oito e media”.
Sanjurjo explicou que “o 9 de marzo ás 11:00 horas na Praza 8 de Marzo (en caso de choiva no Cine Teatro) lanzaremos o noso proxecto Move Ficha pola Igualdade, unha iniciativa a longo prazo para fomentar a igualdade de xénero de maneira constante (aínda que xa se fai normalmente, trátase de darlle máis visibilidade a este concepto en todo momento e non só en datas simbólicas como o 8 de marzo e o 25 de novembro). Distribuiranse xogos que abordan temas de igualdade, participarán tamén os comercios e está dedicado a toda a poboación ribadense. Buscaremos referentes en Ribadeo que compartiremos a través das redes con vídeos, mostrando os seus logros e contribucións á sociedade. Este programa busca crear conciencia sobre a importancia da igualdade de xénero de maneira permanente. E o 12 de marzo, en colaboración cos colexios locais, celebraremos, dentro do programa O Concello os Coles, unha actividade de narración oral chamada Rapazas de conto, onde os máis novos poderán explorar contos que fomentan a igualdade e a diversidade de xénero”.
A concelleira de Igualdade dixo que “ademais ao longo de este mes anunciaremos que o IV Plan de Igualdade de Ribadeo estará listo para a súa presentación, marcando un fito importante no noso compromiso continuo coa igualdade de xénero”. E engadiu que “desde o 6 de marzo a Escola de Música albergará unha exposición especial baseada no traballo de investigación dunha trombonista, Hanna Nauke. A través da súa propia experiencia, esta trombonista explorou por que é máis predominante a presenza de xénero feminino en instrumentos de corda ou vento-madeira que en vento-metal. A exposición desafiará os roles e estereotipos de xénero”.
Begoña Sanjurjo anima a participar nesta programación: “estendemos unha cálida invitación a toda a poboación de Ribadeo a unirse a estes eventos significativos. A participación activa é fundamental para o éxito destas iniciativas na promoción da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Esperámosvos a todas en todas estas actividades. Moitas grazas pola vosa asistencia”.