Nota de prensa:
A CIG DENUNCIA O RECORTE DE PROFESORADO FEITO POLA XUNTA NOS CENTROS DE SECUNDARIA DA MARIÑA
Este curso a Consellaría suprimiu 21 postos de traballo en distintas especialidades
Ribadeo, 5 de outubro de 2010.- A CIG Ensino denuncia o grande recorte de profesorado que a Consellaría de Educación fixo neste curso nos centros de Secundaria da comarca da Mariña. Da recollida de datos que o sindicato nacionalista realizou resulta que a Xunta suprime neste curso vinte e unha prazas docentes en distintas especialidades, coas repercusións negativas que isto vai a ter na calidade do ensino público na nosa comarca.
Os centros onde máis recortes se produciron foron o IES de Foz, o IES Monte Castelo de Burela e o IES Gamallo Fierros de Ribadeo, como consecuencia, sobre todo, da eliminación de ciclos formativos de FP e das ensinanzas de adultos na modalidade presencial. Así o IES de Foz perde 5 profesores (tres postos por xubilizacións que se amortizan e non se ofertan e dous pola supresión do Ciclo Superior de Informática); o IES Monte Castelo perde 4 profesores/as (un de Filosofía, un de Plástica, un de Literatura Española e un de Historia, en gran parte pola perda de horas ao sacar o Bacharelato de Adultos); no mesmo caso se atopa o IES Gamallo Fierros no que suprimen 3 prazas (Francés, Matemáticas e Latín). Outros centros nos que hai recortes de profesorado son o IES San Rosendo de Mondoñedo (dous profesores menos) e o IES Maria Sarmiento de Viveiro, o IES Marqués de Sargadelos de Cervo, o IES de Alfoz e o IES Porta da Auga de Ribadeo cun profesor menos no seu claustro. Tamén á Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo lle sacaron unha praza docente e outra que a pasaron a media xornada.
Estes recortes de profesorado, ademais de supor unha perda importante de postos de traballo que non se recuperan, repercute moi negativamente na calidade do ensino dos centros posto que cada vez máis profesores teñen que impartir afíns, é dicir, materias que non son da súa especialidade, e para as que non teñen a mesma cualificación que un especialista. Así mesmo, comeza a aumentar o profesorado que ten que compartir centro ou con contratos a media xornada.
Todas estas medidas de recorte de gasto público, de destrución de emprego público e empeoramento das condicións laborais dos docentes contrasta co despilfarro de millóns de euros que a Consellaría de Educación fixo para substituír libros que non esgotaron o seu período de vixencia, simplemente por estar en galego.
A CIG Ensino rexeita de plano esta política da Xunta que vai directamente en contra da calidade do ensino e que pon como escusa a crise para facer recortes en servizos públicos tan necesarios como a educación.