Antonio Ameijide e Carmen José López participaron na xuntanza de hoxe do Consello Provincial de Turismo e denunciaron que “non se nos facilitou ningún tipo de documentación a pesar de que a pedimos ata en dúas ocasións dende hai 11 días”
Lugo, 23 de febreiro de 2024. “A finais de febreiro é cando queren falar da programación turística da provincia. Perderon, como mínimo, dous meses”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, trala celebración da xuntanza do Consello Provincial de Turismo que, unha vez máis, “foi o máis parecido a unha rolda de prensa a porta pechada”.
Nesta xuntanza, ademais de Antonio Ameijide, tamén participou a vicevoceira Carmen José López.
Ambos denunciaron “as trabas e nula transparencia” do equipo de goberno liderado por José Tomé por “negarse a facilitar a documentación desta xuntanza”. Antonio Ameijide refírese a que se solicitou “en dúas ocasións” a documentación referente ao único punto da orde do día. “A segunda das solicitudes a realizamos por correo electrónico o 12 de febreiro e non tivemos resposta ata unha semana despois (o 19 de febreiro) coa única resposta de que ese punto é un avance informativo das actividades para o presente ano”, lamentou.
Deste xeito, ningún dos membros deste Consello Provincial de Turismo pode preparar a xuntanza “xa que non sabemos que se vai a falar ou que asuntos se van a abordar”.
“A total falta de José Tomé á fronte do Consello Provincial de Turismo é un verdadeiro desprezo ao traballo de todas as asociacións e colectivos que traballan en prol do turismo na provincia”, sinalou.
FUNCIONAMENTO DO CONSELLO PROVINCIAL DE TURISMO
O Consello Provincial de Turismo debe ser un órgano con contidos, no que se proporcione documentación aos asistentes e no que se tomen decisións polo ben da promoción da provincia de Lugo “en lugar de ser un ente no que unicamente se promociona a figura de José Tomé e os seus escollidos do PSOE”.
Antonio Ameijide pregunta “que sentido ten convocar este órgano se non se emprega adecuadamente”, unha pregunta que apoia en que no regulamento do Consello Provincial de Turismo se estipula que a Deputación debe realizar a difusión e promoción turística da provincia, “e non o están a facer”. “Estamos fartos da promoción da imaxe de Tomé e dos mítines políticos que fan neste órgano”, finalizou.