Ribadeo, 5 de febreiro de 2024. O Teatro encheuse na tarde de onte para render homenaxe a todas as persoas impulsoras do Antroido ribadense.
Foron membros das diferentes comisións os que lembraron a esas compañeiras e compañeiros que co seu traballo e a súa implicación conseguiron transmitirlle a importancia da tradición do Antroido ás súas familias e ao pobo de Ribadeo. Durante máis dunha hora os asistentes (familiares, amizades, veciñas e veciños) escoitaron con moita emoción ducias de anécdotas e de vivencias do carnaval: as festas organizadas para recadar fondos, os donativos solicitados polas casas, as viaxes das charangas, o intenso traballo durante meses para poder contar cun programa atractivo, o espírito do Antroido encarnado por moitas desas persoas que hoxe xa non están. No acto foi proxectado un vídeo con fotografías das comisións, das actividades e dos desfiles de moitos anos atrás. Tamén houbo palabras de agradecemento para todas esas persoas anónimas, que sen estar na comisión organizadora, sempre están dispostas a axudar.
Festa do freixó
A festa do freixó celebrouse o sábado e o domingo na rúa Rodríguez Murias, preto do Teatro. Moitas foron as persoas que se achegaron a mercar este doce típico do Antroido durante a fin de semana. Da parte musical encargouse a discoteca móbil La Duendeneta. A festa do freixó volverá a vindeira fin de semana, o 10 e o 11 de febreiro, no Campo de San Francisco.