Na xuntanza, a Administración autonómica volveu ratificar o seu compromiso co mantemento da actividade industrial e do emprego na comarca da Mariña
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024. A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da consellería de Economía, Industria e Innovación, mantivo hoxe un encontro co comité de empresa de Alcoa para avaliar estado de tramitación dos parques eólicos vinculados á planta de San Cibrao.
A xuntanza responde ao compromiso adquirido pola Administración autonómica no encontro que a finais de decembro mantivo o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos representantes dos traballadores, no cal se acordou que se celebrarían diversas reunións de seguimento onde tamén participase o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que, finalmente, non estivo presente na convocatoria de hoxe.
Esta reunión serviu para acreditar a remisión en prazo de todos os informes sectoriais por parte dos organismos da Xunta nos parques de tramitación estatal nos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico remitiu a declaración de impacto ambiental fóra de prazo, provocando a perda do acceso e conexión de 5 parques (403,2 MW) que deberían subministrar enerxía á planta de Alcoa. Do mesmo xeito, avaliouse o estado de tramitación dos parques de competencia autonómica, respecto dos cales se incidiu en que os que obteñen declaración de impacto ambiental favorable son autorizados en menos de 3 meses.
Por outra banda, o encontro tamén permitiu aclarar o estado de tramitación da autorización de recrecido da balsa de lodos vermellos, así como avaliar as últimas informacións relativas ás compensacións de emisións por CO2 para a industria electrointensiva. Ao respecto, púxose de manifesto que o anuncio do ministro de Industria de incrementalas a 300 M€ non supón un incremento como tal, posto que houbo un aumento do prezo de emisión da tonelada de CO2 e séguese destinando unicamente o 8% destes ingresos, cando o límite máximo é do 25% (896 M€).
Na xuntanza, a Administración autonómica volveu ratificar o seu compromiso co mantemento da actividade industrial e do emprego na planta de San Cibrao e, por extensión, na comarca da Mariña.