Viveiro, 1 de febreiro, 2024. Baixo o lema “Déixate namorar polo comercio local” a asociación de comerciantes pon en marcha a partir do 2 de Febreiro a campaña de San Valentín 2024.
Realizarase un sorteo con premios moi amorosos, duas ceas románticas, unha masaxe en parexa, dez mojitos da pasión, cinco botellas de espumoso rosado galego “Brinde de Rosas” e tres caixas doces.
O xeito de participar é moi sinxelo, só hai que descargar a App ViveiroCCH onde está habilitada a campaña, e subir os tickets de compra de calquera dos negocios asociados do 2 de Febreiro ó 14 de febreiro de 2024 (ambos incluídos).
Non hai importe mínimo para poder participar e o sorteo será o 15 de Febreiro de 2024 ás 12:00 horas a través da propia APP.
Gravarase o sistema de sorteo para difundilo posteriormente en RRSS e tamén avisaremos directamente ós gañadores de que poden recoller os premios ata o 3 de marzo de 2024.
A finalidade deste concurso é a promoción da campaña de San Valentín en Viveiro, potenciar a compra no comercio local, facer un sorteo divertido e de paso botar unha man a todos aqueles despistados/as que se lles pase o detalliño destas datas, e así podelo solucionar con algúns destes premios.
Ó longo deste dias ambientaremos as rúas con música romántica a través do fío musical instalado por todo o centro de Viveiro. Animamos á xente a participar no sorteo, mercar en Viveiro, pasear polas rúas desfrutando do seu ambiente, do bo tempo e da nosa hostalaría.
Porque en Viveiro, como dí o lema da campaña “Namorámonos do comercio local”, un comercio profesional e cun trato persoal, e sobre todo un comercio que da vida á nosa vila.
Con esta iniciativa intentamos dinamizar esta data comercial importante para o comercio local, poñendo en marcha iniciativas e premios para agradecer a fidelidade dos clientes, e acadar que Viveiro continúe a ser, unha vez máis, referente de compras en toda a comarca, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos.