As solicitudes para eventos durante todo o ano terán que presentarse ao longo deste mes de febreiro
Viveiro, 1 de febreiro de 2024. O Concello de Viveiro vén de implementar un formulario co que busca simplificar a solicitude de uso de locais municipais e o préstamo de materiais. O obxectivo é facer máis eficiente e coordinado o reparto para tódalas actividades previstas para o 2024.
As entidades e asociacións deberán entregar o formulario, dispoñible no rexistro municipal e na sede electrónica do Concello de Viveiro, ao longo deste mes de febreiro.
As actividades xa solicitadas para febreiro e marzo resolveranse co sistema anterior, pero quen pedira algún préstamo ou cesión de materiais e locais municipais para o mes de abril e posteriores terá que volver facelo a través do novo formulario.
Unha vez recollidas as solicitudes a través deste formulario durante o mes de febreiro, o Concello de Viveiro fará un reparto equitativo dos materiais e locais solicitados. De non ser posible, atenderanse por orde de presentación as peticións recibidas dentro do prazo establecido.
As solicitudes que se presenten despois deste prazo, sempre dúas semanas antes da celebración do evento, só poderán optar ao préstamo do material dispoñible.
O formulario inclúe un inventario con tódolos espazos que se poden solicitar, como a Sala Multiusos do Concello, a Sala do Conservatorio, a Sala da Biblioteca Municipal ou os distintos centros sociais; e os materiais, como cadeiras, taboleiros, tarimas ou un equipo de megafonía portátil, entre outros.
O Concello de Viveiro tamén precisa que o material prestado recollerase o luns anterior ó evento de 10:00 a 12:00 horas e devolverase o luns posterior de 08:00 a 10:00 horas. Pola súa banda, as chaves das instalacións municipais cedidas recolleranse no despacho de Secretaría de Alcaldía o último día hábil anterior ó evento e devolveranse despois do mesmo.
Para calquera dúbida ou aclaración sobre este novo sistema de solicitude, as persoas interesadas poden consultar á Secretaría de Alcaldía chamando ao teléfono 982560128 ou a través do enderezo electrónico nmd.secretaria@viveiro.es.