Ribadeo, 30 de xaneiro de 2024. Ribadeo recibirá 4,5 millóns de euros en catro anualidades para actuar no casco histórico. Será a través do Plan Rexurbe. O alcalde, Dani Vega, subliña que deste xeito se da un paso definitivo para actuar en toda esa zona. Ata Ribadeo se desprazou hoxe a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
O rexedor declarou: “dámoslle a benvida a este Concello á vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Trátase dunha Consellería fundamental para Ribadeo, fainos moita falla este traballo conxunto e este entendemento permanente para seguir medrando como concello. Con esta Consellería estamos a trazar unha liña de traballo que en breve se verán ese froito”.
Vega subliñou que “hoxe apróbase o plan de dinamización do conxunto do casco histórico, hoxe día 30, e a conselleira está aquí en Ribadeo anunciando este traballo importantísimo despois de moito tempo e que non é éxito solo deste goberno senón dos gobernos pasados. Hai un traballo cun criterio e cun entendemento. Xa na pasada lexislatura o pleno municipal poñíase constantemente de acordo para dar pasos importantes no conxunto do casco histórico e nestes momentos seguimos traballando entre todos, que é o que verdadeiramente importa”.
O alcalde indicou que “o 13,95% da poboación de Ribadeo vive no casco histórico, concretamente 1.404 persoas; e o 23,31% dese conxunto de persoas superan os 65 anos. Debemos traballar nunha liña de dinamismo do conxunto do casco histórico. ¿Hai actividade económica e social? Evidentemente si, xa que hai 132 locais comerciais en toda esa zona, e un dato importante o 80% está ocupado, so o 20% está baleiro. E o 34% son restaurantes, comercios e cafeterías. Hai vida, pero non debemos estar quietos senón que hai que dar pasos importantes para dinamizar o conxunto do casco histórico”.
Dani Vega dixo que “necesitamos orzamento. 4,5 millóns de euros en catro anualidades. Isto é o que significa o Plan Rexurbe, un entendemento entre administracións, orzamento para investir e así mellorar os edificios públicos e a colaboración pública á hora de subvencións para casas privadas. Debemos traballar tamén na liña de conservar prazas, rúas, espazos públicos… todo é un conxunto de inversións e de melloras e tamén de vivenda para a mocidade para que tamén se despracen ao conxunto do casco histórico e vexa atractivo investir en Ribadeo. Niso estamos. A Xunta xa adquiriu dúas casas, o Concello tivo unha doazón e agora imos facer un traballo conxunto coa Consellería para investir e rehabilitar Cabanela, e creo que o imos conseguir”.
Para o rexedor: “hoxe damos un paso definitivo na área Rexurbe, xa se concreta, xa se aproba e a partir de agora a investir”.
Daniel Vega e Ángeles Vázquez analizaron outros asuntos de interese para Ribadeo: “tamén abordamos coa conselleira Ángeles Vázquez un tema fundamental, que xa anunciamos días atrás. Trátase do Campo de San Francisco, necesita un cambio por completo, unha mellora significativa e precisamos tamén inversión. E tamén falamos do aparcadoiro en Santalla de Vilaousende. 70.000 euros para este entorno, necesitábano, levabamos un tempo traballando con eles xa cando estabamos na oposición, había certas dificultades e agora coas dúas administracións, Concello e Xunta, será unha realidade”.