Forman parte dunha partida orzamentaria de 7500 euros a repartir entre as ANPAS e os centros escolares do municipio
Cervo, 29 de xaneiro, 2024. O Concello de Cervo concede de novo as axudas dirixidas ás ANPAS dos distintos centros escolares do municipio. Así, a rexedora, Dolores García Caramés, e a edil de Educación, Pilar Armada, fixeron entrega das contías correspondentes ás ANPAS do CEIP de Cervo, o CEIP Península da Paz e o IES Marqués de Sargadelos.
Tal e como sinalou a alcaldesa “con esta liña de axudas pretendemos brindar un apoio económico para que as asociacións de pais e nais poidan facer fronte aos seus gastos de funcionamento, e así poder contribuír no fomento de actividades educativas e lúdico-culturais que buscan reforzar o progreso formativo do alumnado”.
Esta liña de axudas, que supón 1250 euros para cada ANPA, complementa outras que dirixe o Concello de Cervo á comunidade educativa, como as axudas para material escolar, para o transporte do alumnado que estuda fóra do termo municipal; ou as colaboracións que durante todo o curso ofrece a administración local para todo tipo de actividades do eido educativo.