Vilagarcía de Arousa, 23 de xaneiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu a importancia da Lei do Litoral de Galicia por ser un instrumento que recolle no seu articulado o carácter estratéxico do sector marítimo-pesqueiro cuxa actividade debe ser prioritaria fronte a calquera outro tipo de posibles usos. O responsable autonómico fixo estas manifestacións acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, durante un encontro de traballo con representantes da Asociación Galega de Empresas Depuradoras de Moluscos (Agade), entidade que agrupa a máis de 50 empresas que empregan a máis de 1.000 persoas.
Alfonso Villares, criticou a incoherencia de que o mesmo que se lle nega a Galicia se lle outorgue ao País Vasco e reiterou que defender esta lei é defender a un sector fundamental para a comunidade, con gran implantación por todo o litoral e que é un gran motor de xeración de emprego, representando o 5% do PIB galego. O conselleiro resaltou que o recurso a esta lei é outro ataque máis do Goberno central ao sector marítimo pesqueiro galego que se suma á negativa a baixar o IVE ao peixe, marisco e conservas e a inexistencia dun PERTE para a cadea mar-industria que permita realizar novos investimentos ás empresas a través dos fondos europeos. Fronte a iso, o responsable autonómico reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando en favor da sustentabilidade e o futuro dunha actividade que, máis alá do seu peso económico, esta estreitamente unida á identidade galega.