José Tomé felicitou ao Concello e aos promotores polo éxito acadado, ao converter o trail nun “referente en moi pouco tempo”, pois “vén de ser recoñecida como proba oficial da Federación Galega de Atletismo”
Lugo, 23 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde da Fonsagrada, e tamén Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, e a presidenta do Club de Montaña Terras de Burón, Nuria Fernández Yáñez, así como outros membros do equipo directivo, presentaron este martes no Pazo de San Marcos a segunda edición do Trail Terras de Burón, unha proba que reunirá este vindeiro sábado, 28 de xaneiro, na capital da Montaña de Lugo a 600 participantes grazas un ano máis á colaboración da institución provincial.
José Tomé felicitou ao Concello e aos organizadores pola alta participación, que este ano practicamente duplica o número de inscricións con respecto ao ano pasado, que estivo en torno ás 350 persoas. Esta cifra representa por si soa “o éxito desta proba deportiva”, subliñou o mandatario provincial, quen agradeceu ao Alcalde fonsagradino a súa visión e aposta por “converter esta proba nun referente, e facelo en moi pouco tempo. Tanto é así, que vén de ser recoñecida como proba oficial da Federación Galega de Atletismo”.
O Presidente explicou que o apoio da Deputación a esta cita responde ao seu “compromiso co deporte e coa promoción dos valores patrimoniais da nosa provincia”. Así, sinalou, “este tipo de probas na natureza como o Trail Terras de Burón xeran actividade económica, no comercio, na hostalería e no turismo, porque atraen un fluxo de visitantes que tende a repetir destino porque quere mellorar os seus resultados edición tras edición, e, ao mesmo tempo, anima a outras persoas a participar ou a visitar o lugar da competición”.
Ao remate do acto, José Tomé desexou sorte aos participantes e convidounos a asistir a seguinte fin de semana, os días 3 e 4 de febreiro, á Feira do Butelo para desfrutar desta cita gastronómica e dun dos pratos típico destas terras.
Pola súa banda, o Acalde da Fonsagrada loou o labor que esta a facer o club “non só para fomentar o deporte, senón para promocionar este territorio porque este sábado contaremos na Fonsagrada con xente chegada de toda Galia e mesmo de fóra, e iso é a mellor publicidade, polo que isto é una fonte de ingresos moi importante”.
Calendario de probas
A segunda edición do Trail Terras de Burón, tamén coñecido como Trail de Inverno, contará con catro probas. Haberá unha andaina de 14 quilómetros con 700 metros de desnivel positivo, e tres carreiras de montaña con distintas distancias; o trailiño, o percorrido máis corto, con 18 quilómetros cun denivel positivo de 1.000 metros; o Trail das Seimeiras, de media distancia, con 30 quilómetros e 1.600 de desnivel positivo; e por último, a máis longa, a Maratón das Seimeiras, con 45 quilómetros e 2.300 metros de desnivel positivo.
O punto de saída para todas as modalidades é a Praza do Concello. Os participantes da Maratón sairán ás 8:00 horas; os do Trail das Seimeiras, ás 9:30 horas; os do Trailiño, ás 11:00 horas; e os que farán a andaina, ás 11:10 horas. Habilitaranse zonas para os avituallamentos, gardarroupas e duchas quentadas para o remate da proba no pavillón municipal. A carreira será este ano proba da Galicia Trail Series da Federación Galega Atletismo, sendo puntuable para o Ránking G3.