Santiago de Compostela, a 23 de xaneiro de 2024. Nun momento de crise ambiental e de extrema preocupación social polo coidado dos nosos ecosistema naturais, tal e como se viu na manifestación deste domingo “en defensa do mar”, ADEGA confirma a negativa da Xunta de outorgar soporte ao voluntariado ambiental para a limpeza de praias de pelets de plástico e doutro lixo mariño, ao tempo que constata a retirada do apoio de Augas de Galicia ao programa de voluntariado ambiental en ríos máis emblemático do país, Proxecto Ríos.
“Formadores de voluntariado” sen experiencia e un protocolo plaxiado
O pasado luns, 15 de xaneiro, ADEGA requiriu apoio institucional da Xunta á Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, para poder abordar con suficientes garantías a xestión, coordinación e formación de perto de 2000 persoas que se ofrecían voluntarias para limpar as praias de pelets de plástico. Daquela, a conselleira de Medio Ambiente, acompañada das directoras xerais de Patrimonio Natural e Calidade Ambiental, comprometeuse con ADEGA a procurar unha fórmula de colaboración xunto coa Dirección Xeral de Voluntariado, coa cal ADEGA xa tiña previsto reunirse o 18 de xaneiro. Porén, ao día seguinte da xuntanza, a Consellaría de Medio Ambiente comunicaba en rolda de prensa que a Xunta xa tiña en activo nos areais galegos uns “60 formadores de voluntarios”, alén de atribuírlle á súa administración o mérito de ter recollido desde o día 10 de xaneiro o equivalente a 99 sacos de pelets dos que transportaba o “Toconao”. O 17 de xaneiro, dous días despois da xuntanza entre a Vicepresidenta Segunda e ADEGA, o diario “O Salto” revelaba que a Xunta estaba a contratar, a través dunha empresa de marketing afín ao partido, persoas sen experiencia para actuar como “formadores de voluntariado”. Curiosamente, ese mesmo día, a Directora Xeral de Voluntariado anulaba a reunión concertada con ADEGA escudándose en “motivos persoais”.
Unha vez máis, a Xunta de Rueda pon en evidencia a súa falta de compromiso co voluntariado galego, o desprezo polo labor das organizacións ecoloxistas e a súa nula decencia política ao saltarse descaradamente a normativa galega de Voluntariado. Esta norma obriga á administración galega a dar cobertura á promoción, formación e apoio ás accións de voluntariado ambiental e a que a formación do voluntariado sexa impartida “por persoas de recoñecida competencia vinculadas preferentemente coa xestión de acción voluntaria”. Pero, lonxe de cumprir coa súa obriga, a Xunta do PP pon en risco a saúde do voluntariado galego, ocúltalle información, négalle formación e, por riba, utilízao para beneficiar economicamente ás empresas amigas, lavar a súa imaxe, e engordar o balanzo diario de pelets e lixo recollidos no litoral. A desvergoña da Xunta é de tal calibre que ata chega a plaxiar o protocolo de limpeza de praias difundido previamente polas entidades ecoloxistas, nun intento de ocultamento da súa incompetencia.
Augas de Galicia retira o seu apoio ao emblemático “Proxecto Ríos”
Na mesma semana, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, confirmáballe persoalmente ao presidente de ADEGA, Roi Cuba, que non tiña intención de renovar en 2024 o convenio de colaboración relativo a Proxecto Ríos. Este proxecto emblemático da educación ambiental galega, que este ano chegaría ao seu vixésimo aniversario, desenvolve cada ano unha manchea de actividades educativas e divulgativas para unha comunidade de máis de 6000 voluntarios e voluntarias, centos de centros de ensino e ducias de asociacións ambientalistas, culturais e veciñais de toda Galiza. Proxecto Ríos, co que tamén colaboran puntualmente universidades e os concellos, é a iniciativa galega de formación e divulgación ambiental con maior traxectoria e influencia na concienciación e sensibilización da nosa cidadanía en materia de custodia fluvial.
Tamén foi o primeiro programa de educación ambiental de Galiza que implementou a “Ciencia cidadá”, nome baixo o que se amparan todas aquelas iniciativas que favorecen a participación da cidadanía na investigación científica. Así, nos últimos 20 anos mobilizou a milleiros de persoas no estudo, conservación e defensa dos nosos ríos, a través de 40 cursos de formación, 1000 saídas formativas con diversas entidades, ademais doutras actividades divulgativas e de recollida de residuos como a campaña Móllate polos Ríos, na que cada ano dende hai xa dezaseis participan unha media mil persoas. Todo isto tamén coa creación de diversos materiais educativos e divulgativos sobre os valores naturais e sociais que posúen os ríos galegos, cuxo uso se popularizou nos ámbitos educativos.
Malia a todo, a decisión de Augas de Galicia parece ser definitiva, deixando nun estado de incertidume o futuro do Proxecto Ríos. Neste senso, ADEGA comprométese a seguir loitando pola continuidade deste proxecto educativo singular que xa forma parte da conciencia colectiva ambiental de Galiza, procurando o apoio doutras institucións que realmente apostan pola Educación e o Voluntariado ambiental, como principal forma de implicación da cidadanía galega no coidado e coñecemento da nosa contorna ambiental.
A retirada do apoio a Proxecto Ríos deixa sen efecto o único acordo de colaboración que mantiña a Xunta coa asociación ecoloxista ADEGA a prol da sensibilización ambiental da cidadanía galega. Os últimos acontecementos xunto coas precedentes negativas de recibir a ADEGA por parte do Conselleiro de Cultura e Educación, da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e da Directora Xeral de Voluntariado, fan pensar que a Xunta de Rueda está a tomar represalias contra ADEGA por ser crítica coa xestión do goberno galego en áreas políticas de especial impacto ambiental, como pode ser a enerxética ou a forestal. De ser así, lamentaríamos a curtidade de miras do executivo de Alfonso Rueda, xa que non está “castigando” a ADEGA, senón aos milleiros de galegos e galegas e de voluntarios e voluntarias que queren contribuír desinteresadamente e de forma absolutamente xenerosa a coidar e a protexer o territorio e medio natural no que se desenvolve a nosa sociedade.