Viveiro, 21 de xaneiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a excelente calidade e sabor do peixe e marisco galegos e as súas propiedades nutritivas con importantes beneficios para a saúde. O titular de Mar, realizou estas manifestacións acompañado polo presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, Basilio Otero, e polo patrón maior de Celeiro, Domingo Rey, durante a visita ao Mercado de Viveiro onde tamén lamentou os efectos da difusión de “manipulacións” e “intoxicacións” a conta da vertedura de pellets a través de redes sociais e medios de comunicacións que puxeron en cuestión a calidade e seguridade do consumo dos produtos pesqueiros galegos utilizando incluso imaxes doutras datas e noutros lugares do mundo.
Nese sentido o conselleiro valorou moi positivamente a iniciativa posta en marcha esta semana polas confrarías e a Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (Agade) baixo o lema ‘Consume do noso’ que busca contrarrestar toda esa desinformación poñendo en valor a reputación dos produtos pesqueiros, os cales contan co recoñecemento máis alá das nosas fronteiras polo seu sabor, altísima calidade e excelencia. Alfonso Villares sinalou a importancia das campañas de promoción e fomento do consumo destes alimentos entre a poboación á vez serven para enxalzar o traballo, dedicación e bo facer de moitas xeracións de profesionais do mar que souberon facer do mar galego unha gran despensa cos mellores produtos. Rematou animando a todos os galegos e galegas a participar nestas campañas e a consumir máis peixe e marisco como o mellor xesto de apoio para coas xentes que “aman e viven do mar”.