COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
Ante as críticas feitas desde o PSOE de Ribadeo pola convocatoria por concurso-oposición de prazas de persoal laboral por parte do Concello ribadense, o BNG de Ribadeo quere manifestar o seguinte:
1. Non se trata de prazas creadas a partir da nada, é falso. Están sendo xa ocupadas por persoal laboral.
2. Que xusto nesta semana teñamos que escoitar (ou ler) argumentos defendendo a inestabilidade laboral é pouco serio; sobre todo se ao mesmo tempo quen o di se proclama socialista. Pero é que, ademais, é deber da Administración tender a consolidar esas prazas segundo se vaia confirmando co paso do tempo a súa necesidade ofertándoas a través de concurso-oposición baseándose nos principios de igualdade, mérito e capacidade.
3. Desde os anos 90, e segundo foron aumentando as necesidades do Concello, creáronse diversas prazas (mediante a fórmula de contrato laboral) con alcaldes dun e outro signo político. As circunstancias (aumento da poboación, prestación de novos servizos como atención á muller, asistencia a domicilio, desenvolvemento local, inmigración, fomento do deporte, etc.) mudaron considerabelmente. Soñar con cifras de hai 20 anos pode resultar melancólico, pero de seguro é pouco eficaz. Poñamos os pes no chan.
4. Outro aspecto que pode levar a malos entendidos é a afirmación de que, ao sacar estas prazas a concurso-oposición iso vai supoñer moito máis gasto para o Concello. Falso. Os servizos que prestan seguirán a ser subvencionados pola Xunta. É máis: ao dotar de estabilidade a estes postos de traballo entón a axuda poderá ser maior (así ven recollido nas bases, onde se contempla como mérito a estabilidade do persoal que presta ditos servizos).
5. Bo sería que algunhas persoas se puxeran máis ao día dos intentos por parte do Concello de Ribadeo de mancomunar servizos para abaratar custos. Nos casos de políticas sociais téñense feito intentos, algúns dos cales frutificaron (no tratamento de drogodependencias, ou no de información á muller) e noutros non (aínda que foran ser claramente beneficiosos para outros Concellos).
6. O grupo municipal do BNG, que día a día segue a sacar adiante o goberno do Concello de Ribadeo, ten moi claro que hai que racionalizar os recursos humanos e artellalos de tal xeito que poidamos maximizar o seu rendemento. En máis dunha ocasión ten dado mostras tanto de actitude dialogante como de posicións firmes á hora de defender os intereses de todas as xentes de Ribadeo. Estraña que algúns partidos, que ata o de agora defenderon cousas ben pouco cribles ante a cidadanía, como aboar os famosos 64.000€ en forma de suba lineal sen ningún tipo de contraprestación á hora de asignar funcións aos traballadores e traballadoras do Concello, agora se erixa como o máximo defensor do aforro. Bo sería que comezara clarificando a súa postura ante dito tema.