CERVO .- O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Antonio Basanta, saíu hoxe ao paso das criticas vertidas polo grupo municipal socialistas acusando ao Concello de non estar prestando un bo servizo de recollida de lixo na urbanización da Veiga.
Para Basanta, as acusacións socialistas non se axustan á realidade en absoluto. “A tónica xeral é de bo funcionamento. Actualmente estamos a facer a recollida de luns a sábados sen ningún tipo de problemas salientables. En todo caso,de existir algún, puido ser debido a algo simplemente puntual, e non coma pretenden facer ver estes señores” asegurou o responsable do servizo de recollida de lixo municipal. O concelleiro aproveitou tamén para lembrarlles aos socialistas que nos últimos meses o Concello ten incrementado o número de colectores na zona da Veiga “no número de unidades que se nos teñen demandado” e ten reparado todos xa existentes que presentaban estragos”.
O responsable municipal da recollida de lixo rexeitou as afirmacións socialistas de abandono na prestación deste servizo na urbanización da Veiga cualificando estas criticas “entre patéticas e contraditorias”. Na súa opinión, “non é de recibo” que os socialistas enarboren unha suposta defensa dos veciños da Veiga só para o que lles convén. “É cando menos chocante que se queixen de deficiencias na recollida de lixo nesta zona cando non existe tal. E aínda por riba, os seus compañeiros de partido na Xunta rexeitan unha petición do Concello para situar alí uns colectores soterrados argumentando que invaden en metro e medio cadrado o dominio de Costas, e en embargo noutros concello é a propia dirección xeral de Costas a que os coloca”. Para Basanta, os socialistas cervenses deberían preocuparse destes temas, “en lugar de ir poñendo en solfa” un servizo que non presenta deficiencias. “Este repentino interese do PsdeG polo servizo de recollida de lixo non é máis que outra das súas ferramentas para tentar politizar e crispar a vida diaria deste concello” asegurou Basanta.
TODOS OS VECIÑOS SON ATENDIDOS POLO ALCALDE
Segundo Basanta, esta “manía persecutoria” dos socialistas cervenses contra o grupo de goberno municipal chega ata o extremo de mentir en cousas tan graves coma as súas afirmacións nas que dicían que o alcalde non recibía aos veciños desta zona de San Ciprián. “O alcalde nunca deixou sen atender a un veciño que viñera falar con el, ou que se achegara a el para comentarlle algo” asegurou categoricamente Basanta. Neste senso confirmou que o Concello ten rexistrado queixas de veciños da Veiga por distintos motivos, “pero nunca por deficiencias no servizo de recollida do lixo”. “Precisamente unha das reivindicacións máis reiteradas polos veciños desta zona é a colocación de bandas rugosas na estrada provincial enfronte ao Centro de Saúde e sen embargo parece que os socialistas, coa súa voceira e vicepresidenta da Deputación ao fronte, non queren saber nada disto e optan por inventarse deficiencias onde non as hai có único obxectivo de sacar tallada política en todo aquelo que poidan”.