González Casares: “Enfrontámonos a una marea de incompetencia, ocultación e mentiras do Goberno da Xunta”
Bruxelas, 18 de xaneiro de 2024. O eurodeputado socialista Nicolás González Casares reuniuse co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, para pedirlle “mellor coordinación europea para afrontar a crise ambiental ocasionada polos pélets e apoio para a restauración dos danos que provocaron sobre os ecosistemas”. Ademais, defendeu a necesidade de “estender o regulamento contra a contaminación por pélets ao comercio marítimo internacional e establecer a xeolocalización obrigatoria de contedores para axudar á xestión en caso de accidente”.
González Casares denunciou a “marea de incompetencia, ocultación e mentiras por parte do goberno autonómico, do goberno do PP, que se pasou semanas negando a importancia dunha contaminación, e cuxa nefasta xestión deixou a concellos e cidadáns á súa sorte nas tarefas de limpeza”.
O eurodeputado socialista lembrou tamén que “mentres Rueda negou a realidade durante un mes e ata hai uns días non pisou un areal”, o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, “foi o primeiro en achegarse ás praias e comprobar en persoa o desastre ambiental que había”. Así mesmo, puxo en valor que o socialista mantivo unha reunión de coordinación cos alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados, “o que debería ter feito a Xunta dende o primeiro día”, apuntou.
Ademais, sinalou que os pélets son “un serio risco para a saúde e o medio ambiente, que hai que combater, como fan a Comisión e o Goberno de España”. Por iso, insistiu na necesidade dunha lexislación europea “reforzada e ambiciosa, como a que propuxemos os socialistas no Parlamento Europeo”.