Antonio Ameijide explica que xa antes do inicio do pleno o presidente da Deputación deu mostras do seu nerviosismo, enviando a un funcionario, ata en tres ocasións, a tentar impedir o acceso ao pleno de alcaldes e voceiros da provincia que amosaron o seu malestar polo reparto de fondos do Plan Único para 2024 e, durante o pleno, expulsou en dúas ocasións aos veciños de Becerreá que asistiron ao mesmo
Lugo, 13 de xaneiro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo esixen “veracidade e transparencia” a José Tomé xa que “se non ten nada que agochar nin de que avergoñarse reflicta na acta do pleno de decembro os insultos que proferiu contra os deputados populares durante a sesión plenaria”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que despois de recibir onte a acta do pleno do mes de decembro “realizamos, coma sempre, unha revisión da mesma e comprobamos como non se incluíron os insultos porque o presidente da Deputación manipula” polo que “en aras á transparencia da que sempre presume debe reflectir os mesmos na acta”.
Dende o Grupo Popular tamén inciden en que o presidente da Deputación di claramente, despois de advertir por primeira vez ao voceiro popular, que suspendeu o pleno. “Suspendo o pleno” e “está o pleno suspendido” son as afirmacións que realizou José Tomé despois de chamar á orde por primeira vez a Antonio Ameijide que pediu a palabra “polas alusións e insultos que Tomé realizou contra el”. “Consideramos que a acta de reflectir o que sucedeu no pleno e neste caso non sucede, polo que solicitamos por escrito, mediante o rexistro presencial da Deputación de Lugo, que se corrixa a acta antes da sometela a votación para a súa aprobación no vindeiro pleno reflectindo así a veracidade do sucedido” ao que engade que “debe incluírse a expulsión, por parte de Tomé, dos veciños de Becerreá, os insultos do presidente da Deputación aos deputados populares e negarlles o uso da palabra para defenderse dos mesmos, de acordo co artigo 116 do Regulamento Orgánico da Deputación”, explicou.
NERVIOSISMO DE TOMÉ
Antonio Ameijide recorda o nerviosismo do presidente da Deputación xa antes do inicio do pleno de decembro. “Xa antes do comezo da sesión enviou a un funcionario, ata en tres ocasións, para tentar impedir a entrada ao pleno dos alcaldes e voceiros da provincia que amosaron o seu rexeitamento ao reparto dos fondos do Plan Único para 2024, ademais de expulsar, en dúas ocasións, aos veciños de Becerreá que asistiron ao pleno para reclamar a apertura, durante o presente ano, da residencia de maiores que a Deputación construíu no seu municipio”.