A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela valora “de forma moi positiva o arquivo de todo o proceso sancionador iniciado hai un ano (22 decembro 2022) contra o buque “Playa de Ril” por diferenzas na aplicación da normativa CITES entre España e Portugal por 12.231 kg de marraxo dientuso procedentes do Atlántico Sur”.
Burela, 5 de xaneiro, 2024. Un ano despois de iniciarse o procedemento, a resolución da xustiza portuguesa é absolutoria en todos os extremos e arquiva todo o proceso sancionador contra o buque pesqueiro galego e o seu patrón. O ditame coñeceuse xusto ao cumprirse un ano do seu inicio e considera que a conduta do patrón e do buque non poden considerarse neglixentes nin ilícitas, e que se debeu ás diferenzas na aplicación das normas entre España e Portugal. Ademais, a resolución aproveita para pedir ás autoridades CITES dos diferentes países da Comisión Europea que se coordinen nos seus procedementos.
O pasado 22 de decembro de 2022 a Direçao Rexional dá Conservaçao dá Natural e Forestas, dependente do Instituto dá Conservaçao dá Natureza e dás Forestas de Portugal, que xestiona as especies dos anexos A e B de CITES, iniciou un expediente sancionador no porto de Peniche ao buque español “Playa de Ril por unha suposta infracción ambiental moi grave sancionable cunha multa de entre 10.000 e 100.000 euros ao patrón do buque e á empresa como responsable subsidiaria”.
Esta actuación tivo unha gran repercusión mediática en Portugal e entre a frota española, xa que a información publicada confundía este expediente co apresamento doutros buques portugueses con peixe espada non declarado, apresamentos que non tiñan relación algunha co buque “Plaia de Ril”.
Posteriormente, e aínda que o Xulgado de Peniche xa desestimara a responsabilidade penal e se liberara a carga para a súa comercialización, o ICNF seguira co expediente administrativo sancionador, apoiándose no argumento dunha pesca ilegal e non documentada.
As alegacións presentadas polo buque contaban cun informe das autoridades CITES do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que demostraba que este buque estaba entre os autorizados para as capturas e comercialización do marraxo (publicado no BOE) e que seguira todos os procedementos establecidos en España.
Esta cuestión considérase de máximo interese na actualidade para a frota palangreira de superficie, xa que desde o pasado 25 de novembro a tintorera (quenlla ou tiburón azul), a súa principal especie das súas capturas xunto ao peixe espada, tamén está incluída no Anexo II de CITES.