Ribadeo, 30 de decembro de 2023. Todo está listo en Ribadeo para a celebración da XXXIII San Silvestre, que terá lugar mañá, 31 de decembro. En total son 855 os inscritos, 160 máis que na edición de 2022.
A saída (desde o parque de San Francisco) da mini San Silvestre, para nenas e nenos menores de 4 anos, terá lugar ás cinco menos vinte da tarde; a saída para os pícaros de 4 a 7 anos será ás cinco menos cuarto. A milla para rapazas e rapaces de 8 a 11 anos está prevista para as cinco menos dez. E a San Silvestre, cun percorrido de 5.000 metros, dará comezo ás cinco da tarde.
Haberá premios en metálico e trofeos para os 3 primeiros clasificados absolutos feminino e masculino e para os 3 primeiros ribadenses homes e mulleres. Os tres primeiros clasificados nas outras categorías recibirán medallas e haberá trofeos para a gañadora e o gañador das mini San Silvestre e da Milla. E tamén recibirán trofeo os participantes de maior idade que rematen a súa carreira, masculino e feminino.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, agradece “a alta participación que rexistramos na San Silvestre deste ano. Iso quere dicir que a xente está animada e disposta a rematar o ano facendo deporte, a rematar o 2023 de xeito saudable. E queremos aproveitar a ocasión para agradecer a presenza das firmas colaboradoras, Gadis e Eroski, que estarán apoiando ás corredoras e corredores. Vémonos mañá polas rúas de Ribadeo”.