Viveiro, 27 de decembro, 2023. Eduardo de Martís presenta o seu primeiro libro fotográfico Galicia Latente o vindeiro venres, 29 de decembro ás 20:0h no Conservatorio de Música de Viveiro, baixo a organización de África Copias e coa colaboración especial de Prato-Do.
Alí, o autor estará acompañado de persoas que son motores da nosa cultura local: David Bellas (gaiteiro e profesor do Conservatorio de Viveiro), Maricarmen Chipe (Presidenta da Asociación Cultural Bágoas da Terra), Bernado Penabade (profesor e promotor de Proxectoneo) e Capitán Pino (Capitán de pesca).
O acto comezará cunha exposición das imaxes máis icónicas do libro e continuará coa presentación do traballo ó son da gaita de David Bellas. Trala intervención do propio autor e do resto de convidados, haberá un tempo de coloquio e a posterior sinatura de libros.
Galicia Latente recolle máis de 233 fotografías introducidas por un texto do antropólogo Rafael Quintía e un pequeno prólogo do propio autor. Para construír este retrato da Galiza actual e de vangarda, Eduardo de Martís percorreu máis de 140 puntos da xeografía galega durante os últimos tres anos, dende O Courel ata Vigo, dende Muxía ata Viana do Bolo, en conversa coa xente para construír a nosa historia e dar a coñecer o noso potencial como pobo.
Unha Galiza diversa
Galicia Latente trátase dun traballo de corte etnográfico que, en palabras do seu autor, busca dar testemuña dunha “xanela aberta a unha Galiza diversa, moderna, e con potencial de futuro”, lonxe de tópicos e estereotipacións que ás veces a reducen a unha foto fixa das tradicións.
Así, Galicia Latente conta un relato novo e único dos retos e oportunidades da cultura galega, da man de persoas anónimas -un grupo de mocidade xogando á baralla, unha veciña escocesa afincada na Coruña e neofalante, as vendedoras de grelos na estrada N- 550…-, e tamén da man doutras máis coñecidas, como Elena Ferro, renovadora dos zocos tradicionais, as compoñentes dos grupos Fillas de Cassandra ou Tanxugueiras, o poeta Ismael Ramos ou a chef Lucía Freitas. Todas elas son, explica o autor, “latexos culturais emerxentes”.
Pódese dicir que o fío que une a meirande parte das fotografías deste libro é a innovación desde a tradición. “Cada páxina vai creando unha radiografía sobre cada un de nós. Son realidades que temos ao noso carón, que nos desafían, que nos alentan, e que nos abocan a enfrontar o noso porvir (individual e colectivo). Neste xogo só podemos atinar ou errar. Ter unha identidade propia ou ser quen nos digan ser”, expresa o autor. Nesta viaxe, Eduardo de Martís proponnos parar, baixar do mare mágnum e ollar o latexo da Galiza diversa que habitamos.
Eduardo de Martís
Eduardo de Martís (A Catuxa – Arteixo, 1974) é un fotógrafo documental con máis de 18 anos de experiencia. O proxecto Galicia Latente naceu no seu maxín xa no ano 2005, e saíu á luz por primeira vez no 2009 cunha exposición fotográfica no Trocadero, en París, e outra no Parlamento Europeo un ano máis tarde. Trátase dun proxecto feito a lume manso que agora comeza unha nova singradura a través deste libro, ao observar o autor toda unha revolución cultural en Galiza que sentía a necesidade de retratar. Outros dos seus proxectos son: Ideoloxía do espazo, Fisterra 2006, Conciencia consciencia ou Vectores.