Burela, 23 de decembro, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela presenta a súa última acción promocional e divulgativa do ano 2023: unha nova edición do seu tradicional calendario, que nos próximos 12 meses estará adicado aos “12 Pescados Capitais”.
A tintorera, a bertorella, a xarda, o bocarte, a cabra de altura (gallineta), a sardiña, o bonito do norte, a pescada do pincho, a castañeta vermella, o peixe espada, o peixe sapo e o mero son as 12 especies elixidas pola OPP-7 Porto de Burela como os seus “Pescados Capitais” para o ano 2024.
Desde o Porto de Burela vólvese promocionar así o consumo de peixe como unha das bases fundamentais dunha vida saudable, acompañando cada mes coa imaxe dun destes “pescados capitais” da lonxa de Burela, que ademais representan as diferentes pesquerías que forman parte das frotas do porto de Burela, como o palangre de fondo en augas europeas, que pesca con anzol una a unha a pescada de pincho, a bertorella, a cabra de altura, a castañeta vermella ou o mero; o palangre de superficie en augas internacionais e europeas do Atlántico, que pesca tamén individualmente o peixe espada ou a tintorera; a frota bonitera do Cantábrico, que pesca os bonitos do norte ao curricán, un a un con anzol; ou as frotas de cerco ou arrastre de litoral do Cantábrico, que traen cada día á lonxa de ABSA especies como a xarda, o bocarte, a sardiña ou o peixe sapo.
Ao mesmo tempo o calendario dá protagonismo a varias das especies pesqueiras das que ABSA é primeira lonxa de Galicia, como a pescada do pincho, o bonito do norte, a cabala, a cabra de altura ou gallineta, a bertorella, a castañeta vermella ou o mero; ademais doutras especies como o salmonete de pedra, o sable negro, a maruca, etc.
Como nos últimos anos, editáronse preto de 4000 exemplares do calendario, que se distribuirá a partir da última semana do ano como sempre entre os socios de OPP Burela e ABSA, a través da Asociación de Exportadores Almacenistas de Peixe da Mariña (ADEXMAR), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e de diferentes peixarías locais. A metade destes exemplares distribúense en Madrid e Barcelona entre os socios de FEDEPESCA (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados) e o Gremio de Peixeiros de Barcelona.
Desde que no ano 2020 a OPP-7 Porto de Burela dedicase o seu calendario anual a unha serie de mensaxes saudables, cada ano agárdase con interese a nova temática desta revista que logo se vai desenvolvendo durante todo o ano nas redes sociais do porto de Burela.
Agora en 2024 seguiranse promovendo os beneficios do consumo de peixe na nosa saúde e iranse descubrindo cada mes as principais caracerísticas dos 12 “Pescados Capitais” das frotas de Burela, nunha acción de novo cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.
En 2020 presentáronse 12 mensaxes saudables asinados polo cardiólogo Guillermo Aldama López. En 2021 presentouse a “Fórmula da Felicidade” P=S∞, que di que “comer peixe equivale a saúde por sabor elevado a infinito”, acompañada doutras 12 novas sentenzas saudables asinadas por máis doutores, como o endocrinólogo Miguel Ángel Martínez Olmos; o nefrólogo Secundino Cigarrán Guldris; ou a nutricionista pediátrica Rosaura Leis, tamén presidenta da Fundación Dieta Atlántica.
En 2022 presentábase a campaña “Amor Ao Mar” para proclamar desde Burela o amor ao mar, á tradición pesqueira e ao sabor dos produtos do mar. E acompañábase cada páxina con novas frases saudables da Fundación Dieta Atlántica, asinadas tamén por novos profesionais da saúde, como o doutor Fernando Rodríguez-Artalejo ou os profesores Ángel Gil e Gumersindo Feijóo, membros da Fundación Dieta Atlántica.
En 2023 mantívose o mesmo formato, acompañando cada mes coa imaxe dunha das principais especies da lonxa de Burela e promocionando o consumo de peixe como unha das bases fundamentais dunha vida saudable. Nesa ocasión a temática consistiu en resumir en 12 páxinas algunhas das principais campañas publicitarias e lemas saudables lanzados desde o porto de Burela nos últimos anos.
DESCARGA CALENDARIO PDF: https://oppburela.com/wp-content/uploads/2023/12/OPP7_CALENDARIO2024_WEB.pdf