Atención sanitaria, servizos sociosanitarios, infraestruturas, saneamento, emprego
A Mariña, sábado 9 de decembro 2023. A dirección comarcal do BNG, con cargos orgánicos e institucionais vén de presentar en rolda de prensa as emendas aos Orzamentos da Xunta 2024 no que tén a ver coa Mariña. Estes orzamentos que xa no seu día foron calificados de escasos e insuficientes polos nacionalistas mariñaos serán debatidos no Parlamento o 19 de decembro e debateranse tamén as 20 emendas que presenta o BNG desde A Mariña, e que abordan problemáticas que levan anos agardando solución, nos ámbitos sanitario, sociosanitario, infraestruturas, saneamento, portos, industria, emprego…
Atención sanitaria
A crítica situación da atención sanitaria na comarca ocupa gran parte das emendas ao texto orzamentario, especialmente a atención primaria e os centros de saúde, donde a falta de medios materiais e humanos é patente, con perda de prazas médicas e con graves problemas en servizos tan esenciais como pediatría, fisioterapia ou o de enfermeiras especialistas en osbstetricia-xinecoloxía (matronas). Demándase a cobertura e creación no seu caso de todoas esas prazas para prestar un servizo en óptimas condicións. Así mesmo desde o BNG demándase a praza de segundo técnico de ambulancia medicalizada, suprimida polo Partido Popular. Demandan aumentar as partidas correspondentes a estes conceptos nun montante total de 4M€ para o exercicio 2024.
Infraestruturas sanitarias e socio-sanitarias
A consignación orzamentaria para o novo centro de saúde de Ribadeo é outra das esixencias do BNG, así como dotación tamén para a reforma integral do hospital asilo de San Sebastián e San Lázaro en Ribadeo tamén, xa que nos dous casos a estas alturas só existen anuncios.
Demándase tamén dotacion económica para a reparación do Centro de Día de Lourenzá.
Saneamento
A construcción dunha nova EDAR en Burela, que ata o de agora tén consignacións insuficientes é outra das demandas, así como a construcción da EDAR de Barreiros en San Miguel de Reinante, para a que son precisos 4.000.000€, e donde o Partido Popular facendo gala do seu sectarismo desde o goberno da Xunta leva anos castigando aos veciños e veciñas de Barreiros consignando 0€ para tal fin nos orzamentos.
Infraestruturas viarias e transporte
Demándase consignación orzamentaria suficiente para executar a VAP Costa Norte San Cibrao-Ferrol, que en 14 anos o PP só executou 7km na Mariña e outros 7 no Ortegal, dos 90km que hai previstos de trazado.
Así mesmo, faise fincapé noutra promesa incumplida do PP, que é a reparación da estrada LU-161 Viveiro-O Valadouro, polo que se pide consignación para a súa pronta execución.
Propónse tamén a elaboración dun proxecto de servizo de cercanías en intermodalidade no treito da liña de trén Ortigueira-Ribadeo
Infraestruturas portuarias
Para Foz proponse a remodelacion da dársena do peirao de Tupide e a modificación da bocana de entrada e tamén a mellora no acceso á canle de entrada do porto.
Plan de emprego
Diante da situacion que está a vivir a comarca a nivel industrial e económico, proponse un Plan de Emprego de ámbito comarcal impulsado pola Xunta e coa participación dos concellos, axentes sociais, económicos, empresas, entidades formativas…., acompañado dunha políitica de desenvovemento local que poña o acento nas cuestións produtivas, infraestruturais, medioambientais, sociais…
Servizos administrativos
Proponse a creación dunha nova unidade xudicial en Viveiro.
Son perto de 20 M€ o que os nacionalistas proponen a través de 20 emendas para a comarca. Son investimentos necesarios para que A Mariña non quede relegada e poida estar en igualdade de condicións con outros territorios do país, máxime cando foi e é ata agora a comarca máis puxante da provincia.
“Fronte ás eternas promesas incumpridas do Partido Popular para esta comarca e fronte aos continuos desprezos a que nos someten, presentamos estas emendas que non son máis que as continuas demandas das mariñás e mariñaos manifestadas desde diversos ámbitos e que ven como esta comarca vai ficando relegada coas nefasta políticas do PP desde o goberno da Xunta” afirmou o responsable comarcal Antonio Veiga.
Pola súa banda, o deputado mariñao Daniel Castro, asegurou que “estes son os últimos orzamentos de desprezo á Mariña do Partido Popular, porque é preciso rematar canto antes con estas políticas que discriminan á comarca que só consisten en poñer parches sen solucionar os grandes problemas que condicionan gravemente o futuro de A Mariña”