O PSOE foi o único que se opuxo a apoiar a lei galega do litoral que garante o futuro de construcións situadas na zona de dominio público marítimo-terrestre
Burela, 1 de decembro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Burela amosa a súa satisfacción pola aprobación de dúas iniciativas que defenderon os concelleiros do PP no pleno deste xoves: a creación dunha área para autocaravanas -por unanimidade- e o apoio á lei galega de xestión do litoral ante o recurso de inconstitucionalidade que presentou o Goberno de Pedro Sánchez.
A creación dunha área de autocaravanas en Burela era xa unha das proposta do PP recollidas nos programas electorais do 2019 e 2023 pensando en reverter a situación da actual área de autocaravanas que está situada na zona de Torrentes e que non conta co beneplácito dos usuarios.
Tamén foi aprobado o rexeitamento ao recurso presentado polo Goberno central á lei que regula a xestión do litoral de Galicia dende Galicia, “nas mesmas condicións que outra autonomía como é o País Vasco, ao que o Goberno de Pedro Sánchez si lle recoñece esa competencia en virtude dos pacto de investidura entre o PSOE e o PNV”, lembran os populares.
Dende o PP de Burela explican que “coa lei aprobada no Parlamento de Galicia terían garantida a súa continuidade en dominio público marítimo-terrestre unhas 40 edificacións no noso municipio. Debido ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central estas edificacións corren perigo, igual que outras 4.000 ao longo da costa galega”.
Os populares consideran “sorprendente” que neste punto “a alcaldesa, a señora López Moreno, antepoña os intereses do seu partido, o PSOE, e do Goberno de Sánchez ao dos veciños e veciñas para que as súas propiedades poidan continuar intactas na costa burelesa”.
Ante a iniciativa presentada polo Grupo Municipal Popular de Burela, a alcaldesa presentou unha emenda de substitución para tratar de anular este rexeitamento. Pero o resto de forzas políticas consideramos que Galicia ten que exercer as competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía, entre elas a de ordenación do territorio no litoral.
Os populares cren, polo tanto, que “a alcaldesa está máis preocupada de facer oposición á oposición que de gobernar Burela” porque demostrou que “non entende que por riba das siglas políticas estean os veciños e veciñas de Burela”.