Lugo, 28 de novembro de 2023. O Circuíto de Teatro Afeccionado impulsado dende a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo chega esta semana a oito concellos. As representacións están previstas en: Vilalba, Castro de Rei, Meira, O Saviñao, Lugo, Castroverde, O Valadouro e Sarria.
Axenda e notas sobre as obras
O velorio (BORGUETE TEATRO)
Venres 1 de decembro | 20:00h | AUDITORIO CARMEN ESTÉVEZ (VILALBA)
Comedia. Todos os públicos
Autoría: adaptación da obra Os cravos de prata de Nicolás Bela.
Dirección: Guillermo Cancelo
Duración: 60 min.
Sinopse:
Pat O’Connor é un terratenente enfermo que, nos seus aparentes derradeiros días de vida, planifica o seu propio velorio por todo o alto, sen ter en conta que tamaño estipendio podería supoñer o endebedamento da súa familia, a cal non está pola labor, e que desencadeará unha serie de situacións de difícil solución.
Vaise pechar unha casa máis (OS BALUROS)
Sábado 2 de decembro | 18:00h | TELECLUBE (CASTRO DE REI)
Drama. Todos os públicos.
Autoría: Julio Pita Muinelo
Dirección: Os Baluros
Duración: 90 min.
Sinopse:
Pepe é un labrego que vive nunha aldea xunto coa súa nai, a viuva Maruxa. Con moitas dificultades sobreviven sen atopar o xeito de mellorar naquel medio rural de mediados dos setenta. Engaiolado polos relatos da vida que di levar un veciño emigrado, segue o camiño deste, a pesares da fonda tristura que senten, tanto el como a súa nai. Pero un agravamento da saúde de Maruxa, forza o seu regreso.
O muro (GRUPO HUMORÍSTICO TRÍPODE)
Sábado 2 de decembro | 19:00h | CENTRO SOCIOCULTURAL DE MEIRA
Comedia. Todos os públicos.
Autoría: José Vázquez Peinó
Dirección: Antonio Jesús Lorenzo, Alberto Níñez e José V. Peinó
Duración: 90 min.
Sinopse:
Dona Dorotea é unha muller egoísta e terrible. Propietaria de numerosos bens, teme ser asaltada e roubada por xentes que veñan doutros países. Por iso, encárgalles a Luisete e a Pacón, dous albaneis de pouca monta, que constrúan un muro ao redor da súa finca que impida o paso a todos aqueles que poidan roubarlle. Pola finca de dona Dorotea desfilan diversos inmigrantes, moi diferentes, mais con algo en común: a pobreza e as ansias de atopar unha vida mellor. Como alegorías dos diversos pobos maltratados e pobres do mundo, os inmigrantes fan palpable a inxustiza da desigualdade e do racismo.
A cegueira de Cupido; porque o amor nunca é o que parece (GRUPO VIRAVENTOS)
Sábado 2 de decembro | 19:30h | AUDITORIO DO SAVIÑAO
Comedia de enredo. Público adulto
Autoría: Candela López e Marcos Vázquez
Dirección: Candela López e Marcos Vázquez
Duración: 60 min.
Sinopse:
Estas son catro historias independentes sobre as relacións de parella, que aínda que nun primeiro momento non teñen nada que ver, acaban enredándose e mesturándose as unhas coas outras. Unha sucesión de acontecementos surrealistas e absurdos, serven para mostrar como ás veces as relacións están marcadas por estereotipos sociais que non nos deixan actuar libremente polo medo ao que dirán. De seguro que o público se sentirá identificado con algún dos personaxes da obra, sempre desde a perspectiva do humor.
O covid do marián (O BORDELO)
Sábado 2 de decembro | 20:00h | ESCOLA DE PÍAS (LUGO)
Comedia. Todos os públicos.
Autoría: Francisco Piñeiro González.
Dirección: Francisco Piñeiro González.
Duración: 90 min.
Sinopse:
A causa da pandemia, o protagonista desta historia desapareceu durante dous anos, retornando desorientado ante o asombro da veciñanza. A nova concepción de vida que trae consigo aposta por resolver os problemas da sociedade con novos enfoques e valores que os demais non acertan a comprender. O conflicto entre un e outros leva á reflexión, saíndo a relucir verdades que queiman e asfixian á colectividade. Esta comedia ten a intención de activar os valores que dun tempo a esta parte foron perdendo o seu lugar na civilización. Porque para acadar o que se quere, non todo vale.
21/3 (GRUPO DE TEATRO DOWN)
Domingo 3 de decembro | 12:00h | SALÓN DE ACTOS DO CPI DE CASTROVERDE)
Teatro documental. Público adulto.
Autoría: Grupo de Teatro Down
Dirección: Paloma Lugilde
Duración: 50 min.
Sinopse:
“Cando pecho os ollos podo ver a miña vida por retazos, podo compoñer un vestido cosendo todos eses retazos, anécdotas, a primeira vez que vin o mar, o meu primeiro bico, as cousas que me fixeron feliz e as cousas que non me fan nin me fixeron tan feliz…”. 21/3 trata sobre cada un dos membros deste grupo, sobre as súas inquedanzas: como nos ven?, como nos gustaría que nos visen?, somos aceptados?, porque temos que ser aceptados?, non somos como os demais? Ou somos como Segismundo buscando o motivo do seu castigo? Os textos creados no taller de teatro son eses retazos que unha vez cosidos cobraron vida. Xógase coa numeroloxía: 21 escenas en tres actos, 21 de marzo e o triple cromosoma 21. As imaxes, as atmósferas e os corpos son primordiais na posta en escena. Unha obra para enternecer, rir e chorar. Como a vida mesma.
O velorio (BORGUETE TEATRO)
Domingo 3 de decembro | 19:00h | CASA DA CULTURA (O VALADOURO)
Comedia. Todos os públicos
Autoría: adaptación da obra Os cravos de prata de Nicolás Bela.
Dirección: Guillermo Cancelo
Duración: 60 min.
Sinopse:
Pat O’Connor é un terratenente enfermo que, nos seus aparentes derradeiros días de vida, planifica o seu propio velorio por todo o alto, sen ter en conta que tamaño estipendio podería supoñer o endebedamento da súa familia, a cal non está pola labor, e que desencadeará unha serie de situacións de difícil solución.
Fuga (57 PALABRAS)
Domingo 3 de decembro | 20:00h | CASA DA CULTURA (SARRIA)
Comedia de acción. Público a partir de 14 anos.
Autoría: Jordi Galcerán
Dirección: Patricia Neira
Duración: 80 min.
Sinopse:
Nesta historia ninguén é o que parece. Un grupo de timadores intenta estafar a un político caído en desgracia pola súa ambición, pero este tampouco é tan parvo coma eles pensan, ou iso cre el. Con este fio argumental, abórdanse temas serios cun tono de humor, como a infidelidade, a corrupción, a dependencia, a avaricia e a procura do amor. A intriga manterase ata o final.
128 representacións de 31 compañías
A finais do mes de xuño arrancou o Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que se mantén en xira polas comarcas ata o 30 de decembro. Unha trintena de compañías teatrais e un total de 128 representacións, 40 máis que na anterior edición, sumaranse ao calendario de actividades dos concellos. Esta iniciativa está integramente financiada pola área de Cultura, que mantén así mantén o apoio ás artes escénicas e ofrece a asociacións e concellos a posibilidade de ampliar as súas axendas culturais.
As datas, horarios e lugares das representacións difúndense e actualízanse en cultura.deputacionlugo.gal