Ribadeo, 28 de novembro de 2023. Acisa ven de presentar a XIII Festa do Comercio. A campaña desenvolverase do 1 de decembro de 2023 ao 13 de xaneiro de 2024. Nesta edición repartiranse 6.000 euros en premios.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “hoxe presentamos a campaña da XIII Festa do Comercio, que se desenvolverá desde este venres, 1 de decembro, ao 13 de xaneiro. Ese día será o sorteo presencial na carpa situada este ano na Avenida Rosalía de Castro no que repartiremos 6.000 euros en premios, a cifra máis alta que destina a asociación á nosa campaña anual máis importante. Todas aquelas persoas que fagan as súas compras no comercio asociado a Acisa Ribadeo recibirán as papeletas para participar no sorteo. En total póñense en circulación 170.000 rifas, que son 20.000 máis que na pasada edición”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou que “neste 2023 facemos un esforzo especial, grazas á xestión realizada durante todo o ano por Acisa. Así puidemos destinar mais recursos aos premios desta campaña, que pasan dos habituais 4.000 a 6.000 euros en premios. Co fin de impulsar as compras durante o mes de decembro e tamén durante os primeiros días das rebaixas de xaneiro as rifas estarán a disposición dos clientes de todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo”.
E subliñou que “os premios serán repartidos da seguinte maneira: un de 2.500 euros, un de 1.500 euros, un de 1.000 euros, un de 500 euros e dous de 250 euros. Un destes últimos premios (de 250 euros) será non presencial, é dicir, sortearase entre o total de rifas impresas. O resto de premios sortearanse entre os números que o dia 13 de xaneiro estean depositados na urna que estará situada na mesma carpa. Polo tanto é moi importante destacar que a rifa debe conservarse ata o 13 de xaneiro e que ese dia pola tarde deberase introducir na urna unha das dúas partes nas que se divide, e seguir conservando a outra ata a mesma hora do sorteo. Deste xeito, unha parte estará na urna para poder ser extraída e premiada e a outra quedará con nós para comprobar se temos o número. Como sempre insistimos esas rifas deberán ir debidamente seladas por cada establecemento para ser entregadas aos clientes”.
Carmen Cruzado subliñou que “esta campaña facémola co fin de dicirlles aos ribadenses, á veciñanza da comarca e de lugares próximos, que Ribadeo é o mellor lugar para facer as compras, tomar un viño, encargar as comidas e as ceas de Nadal e desfrutar dunhas festas diferentes, e así ademais poder gañar un destes premios tan importantes. Ademais sendo o primeiro evento do 2024 parecíanos interesante darlle un toque extra nun ano especial como é este no que celebraremos o 35 aniversario da asociación. Esta campaña ademais verase reforzada con outras iniciativas que se darán a coñecer no vindeiros días”.
A presidenta de Acisa tivo palabras de agradecemento para BeOne e para o Concello de Ribadeo: “especialmente pola colaboración do patrocinador principal desta campaña, o noso asociado BeOne, que fai unha achega económica que para nos é moi importante, e como non, tamén agradecer a colaboración do Concello de Ribadeo, que nos facilitará a ubicación e os medios para a realización do sorteo. Destacar tamén que esta e unha actividade que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia”.
A directiva de Acisa agarda que “esta campaña de Nadal sexa moi animada para o comercio e para a hostalería ribadense”.
No acto de presentación da XIII Festa do Comercio de Acisa Ribadeo participaron o CEO de BeOne, Roberto Ramos, o alcalde ribadense, Daniel Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, xunto á presidenta e o xerente da asociación, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.