A programación comeza mañá sábado co obradoiro ‘Cultura Urbana on Tour’, organizado pola asociación de familias monoparentais ‘Fagamos’
Viveiro, 17 de novembro de 2023. O Concello de Viveiro presenta a súa programación para conmemorar o 25N, Día Contra a Violencia Machista. Os actos comezarán mañá, sábado 18 de novembro, co obradoiro ‘Cultura Urbana on Tour’, organizado pola asociación de familias monoparentais ‘Fagamos’.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca “a necesidade de seguir combatindo a lacra que supón a violencia machista, co obxectivo de conseguir erradicala por fin da nosa sociedade”.
Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, sinala “a importancia de sensibilizar e visibilizar o que supón a violencia machista para as vítimas e as familias”. “Estamos pendentes de confirmar máis actividades nos vindeiros días”, explica a concelleira.
A xornada de mañá terá lugar no no pavillón do CEP Lois Tobío en horario de 17:00 a 19:00 horas. O espazo está aberto a todas as familias, con prioridade de acceso para nenos e nenas de familias monoparentais e familias con mulleres vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, entre outras situacións relacionadas cos coidados.
A continuación, o mércores 22 de novembro terá lugar, no salón de usos múltiples do Concello ás 19:30, a III edición do Clube de Lectura en Feminino, dinamizado por Estíbaliz Veiga. Contará coa presencia da autora Ledicia Costas co seu libro ‘Golpes de Luz’. O club leva desenvolvéndose en liña dende outubro, co apoio dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero 2023.
O propio sábado 25 de novembro ás 12:00 horas será a Marcha Popular contra as Violencias Machistas, que sairá dende os Castelos en Covas ata a praza Maior de Viveiro. Alí haberá unha concentración en silencio para a lectura do manifesto institucional.
Ademais, ao longo de todo o mes de novembro, o Concello colabora coa campaña 25N contra as violencias da asociación Bumei. Esta colaboración plasmouse na creación dun código QR no banco violeta ubicado na praza da Habana cos recursos dispoñibles no Concello para as vítimas de violencias, dunha guía impresa dos recursos e da campaña de prevención, e dun spot da TVG coa aparición da “ruta da reflexión” que conforman os bancos violetas de distintos concellos.
Neste mes de novembro e ata maio de 2024 comeza tamén no IES María Sarmiento e no IES Vilar Ponte o obradoiro de Acoso Escolar e Sexual, Redes Sociais e Violencia de Xénero, financiado cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero 2023 e dirixido a alumnado de 1º da ESO.