Viveiro, 19 de novembro, 2023. A Plataforma Sanitaria da Mariña e Concello de Viveiro convocaron este domingo unha concentración diante do centro de saúde para reclarmar solucións á situación da atención primaria. A coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, deu lectura ao manifesto.
O Presidente apoia ao Concello e aos veciños de Viveiro na súa reivindicación de máis persoal sanitario e unha mellor atención primaria na localidade
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este domingo xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, á concentración convocada polo Concello e pola Plataforma Sanitaria da Mariña baixo o lema Paremos a destrución da Atención Primaria para reivindicar melloras urxentes na atención primaria da localidade. Un acto que reuniu a centos de veciños e veciñas diante do Centro de Saúde viveirense.
José Tomé amosou o apoio da institución provincial ao Concello e á veciñanza ante unha situación de deterioro “preocupante” que afecta a este municipio e a toda a comarca da Mariña, pero tamén ao conxunto da provincia. “A situación agora é insostible porque só están dúas facultativas de familia das sete que conforman o cadro de persoal na quenda da mañá. O mesmo acontece co servizo de Pediatría, que leva un ano sen especialistas no centro de saúde”, subliñou o mandatario provincial.
En numerosas ocasións, lembrou Tomé Roca, a Deputación ten instando á Xunta de Galicia con acordos plenarios a restituír os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes. Lembra tamén a falta de previsión do Goberno galego ante as xubilacións dos facultativos, “un feito que vimos denunciando dende hai tempo e ante o que non vemos que o Sergas mova ficha. É moi preocupante”. Así mesmo, pon o foco na reivindicación da Deputación de que se establezan modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes, a non cobertura de baixas ou vacacións, e a temporalidade.