Xa hai que ter atrevemento para tratar de implicar á Deputación de Lugo na execución dunha estrada como é a variante de Viveiro que é da Xunta de Galicia”, subliñou o Presidente
Lugo, 12 de novembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, rexeitou as manifestacións da Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nas que culpou á institución provincial e ao Concello de Viveiro da parálise á que a Xunta de Galicia leva sometendo dende hai preto de 15 anos á Vía de Alta Capacidade Costa Norte de Ferrol a San Cibrao. “Por riba de non facer nada, a Conselleira minte”, nunha mostra máis da súa actitude permanente de “escapista e botaculpas, actuando como nunha tómbola na que só sabe pedir aos demais, porque xestionar non xestiona nada”.
As declaracións da Conselleira, que se comporta como “unha axente electoral do PP e non como unha representante institucional á altura do que merecen todos os galegos e galegas”, supoñen “unha falta de respecto ás institucións e aos veciños e veciñas da Mariña, que, en todo caso, xa non pasan por este trágala, porque saben ben quen ten a responsabilidade de facer esta obra, que é a Xunta de Galicia”, asegurou o mandatario provincial.
“Xa hai que ter atrevemento e pouca vergonza para tratar de implicar á Deputación de Lugo na execución dunha estrada como a Variante de Viveiro que é da Xunta de Galicia”, subliñou José Tomé, quen esixiu á Conselleira “que deixe de mentir e de botarlle a culpa aos demais. Se non fixo nin un metro de obra máis dos que deixou licitados o Goberno de Touriño é porque non quere e porque castiga á Mariña. É a Conselleira da nada, porque nada fai nin nada aporta”.
O Presidente incidiu en que os dous únicos tramos feitos da VAC Costa Norte -as variantes de Xove e de Ortigueira- son obra do Goberno da Xunta presidido por Emilio Pérez Touriño, que os deixou licitados. Dende entón, o Executivo, primeiro de Feijóo e logo de Rueda, téñena parada, pois consignan partidas no Orzamentos ano tras ano, pero logo nunca as executan.
O mandatario provincial considera “moi grave” que a Conselleira “queira escusar a súa incompetencia ou falta de vontade política” culpando á Deputación, que non ten nada que ver nesta obra, e ao Concello de Viveiro, cando o Goberno local tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta pola Xunta, coa que romperon co consenso veciñal e institucional ao que se chegara co proxecto orixinal.
José Tomé lembrou que, entre outras, Ethel Vázquez tamén é a responsable da “chapuza monumental” da Ronda Leste de Lugo, “para a que anunciou un investimento de 6M€ neste ano 2023 e non executou nin un euro, e para a que presentou un proxecto repleto de irregularidades que detectamos dende a Deputación, polo que agora ten que volver a empezar. Así que tampouco fará nin un metro no 2024, a pesar de consignar 5M€ nos Orzamentos”.
“Esta Conselleira escapista, que lle gusta camuflarse facéndose pasar por outra persoa, debería cumprir coas súas obrigas e non ter esquecido ó Courel cunhas comunicacións indignas para a montaña luguesa”, aseverou.
“A incompetencia, as chapuzas e as mentiras continuas” de Ethel Vázquez “non lle poden saír gratis politicamente, polo que esiximos que actúe con responsabilidade e que pida desculpas”. Ademais, demostran que “é imprescindible un cambio de Goberno en Galicia. Os lucenses, e todos os galegos e galegas necesitamos un Goberno da Xunta leal, dialogante, colaborador, que reactive as obras paralizadas e que dea un novo impulso a Galicia con novas ideas e proxectos”, recalcou o Presidente da Deputación de Lugo.