Foz, 9 de novembro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, afirma que a demolición dos chalés da Areoura é unha gran noticia para a parroquia de Cangas.
“Temos outra gran noticia en Foz porque por fin se están a demoler os chalés da Areoura. Son moitas décadas nas que sufrimos o feísmo dunhas obras inacabadas, ademais cun risco evidente porque estaban en ruínas. Este cumprimento da sentencia por parte dos actuais propietarios vén a resolver un problema que tiñamos nesta praia, unha das máis fermosas de Foz e que precisamente pola existencia deste feísmo ano tras ano nos concedían esa bandeira negra, unha mancha para ese areal tan espectacular como é o da Areoura”, manifesta o rexedor municipal focego.
Fran Cajoto engade que “esta é a primeira fase e a segunda é que o Ministerio cumpra e o Servizo de Costas consiga converter esa finca con esas ruínas nunha área recreativa que sirva para uso e disfrute de todos”.
Para o alcalde de Foz “é unha grandísima noticia, que ademais se vén a sumar a outra tamén moi boa nova para Cangas, como está a ser xa o proceso de expropiación para a construción desas dúas rotondas na estrada N-642. Son boas noticias para Cangas e para todo o concello de Foz porque é o primeiro paso de algo moi bonito que queremos construír no entorno dunha praia tan fermosa como é a da Areoura”.